Comunicado do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL)

Tres meses despois de que, a finais de marzo, se anunciara a presentación da demanda veciñal contra varias Administracións pola contaminación das augas do encoro das Conchas (Lobeira, Baixa Limia), o debate regresou onte ao pleno da Deputación Provincial de Ourense.
O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), que durante este período vén animando e acompañando a estratexia de denuncia dos demandantes, que conseguiron devolver o problema ao foco da axenda pública e da axenda política do país, fai balance destes tres meses nos que a loita por unhas augas limpas da Limia deu un salto adiante, mentres esperamos a decisión dos xuíces sobre a demanda presentada.
A situación do territorio desde hai 25 anos
O MEL lembra que as augas da bacía da Limia, do encoro das Conchas e do río Lima mantivéronse limpas até os albores do século XXI. As concentracións parcelarias do Goberno Fraga durante a década dos anos noventa do século pasado propiciaron un cambio na estrutura agraria da Limia cara un modelo de grandes parcelas sobre o que medrou ao unísono a industria agrogandeira intensiva. Mais chegou un momento en que a superficie agraria da Limia xa non admitía máis residuos das cada vez máis grandes e numerosas explotacións.
A partir do ano 2000 empezan a aparecer as empresas de transporte de xurros porcinos, e durante as dúas primeiras décadas deste século vertéronse xurros sen control de ningún tipo por toda a Limia, Terras de Celanova, Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía, principalmente. A día de hoxe estes transportes seguen circulando por toda a provincia sen que se coñeza a existencia dunha planta de tratamento ou depuración de xurros. A enorme cantidade de vertidos xunto ás malas prácticas agrícolas dalgúns agricultores son a causa da contaminación das nosas augas.
O debate na Deputación
Unha semana despois de rematada a vista sobre a demanda veciñal pioneira no Estado español contra as Administracións pola vulneración de dereitos fundamentais, os partidos da oposición activaron un debate plenario na Deputación de Ourense no que apenas se falou da cuestión da orixe da contaminación e da alerta de saúde pública que deberían estar activando todas as Administracións tendo en conta as afirmacións dos científicos diante do TSXG.
Desafortunadamente, desde o MEL percibimos que os marcos duns e doutros son demasiado estreitos para que desta volta as institucións (sexan concellos, deputación ou parlamentos) realicen unha análise fonda dos problemas e emitan propostas con solucións reais.
Para empezar, porque evitan as preguntas básicas (as augas da Limia matan?). E discuten sinalando responsábeis -o Estado, Europa, a Xunta- segundo conveña ás alianzas en curso, mentres evitan falar do responsábel último, o complexo gandeiro industrial (como lle parar os pés?).
En calquera caso, congratulámonos de que todos os grupos políticos (PP, PSdG-PSOE, DO e BNG) perderan o medo -uns máis que outros- a recoñecer que alguén (non din quen) verte residuos da industria gandeira de xeito abusivo augas arriba do encoro das Conchas.
PP
Plácido Álvarez, alcalde de Muíños (un dos demandados) e portavoz do PP, que goberna a Deputación, sostén que os concellos da ribeira do encoro (Bande, Lobeira e Muíños) non contaminan. Iso é falso, durante anos o comunal de Maus de Salas (Muíños) foi usado como vertedoiro dos camión de transporte de xurros. O comunal de Bangueses, entre Verea e Bande, vén sendo utilizado como territorio de sacrificio. En Loberia existen numerosas explotacións porcinas que fan parte do complexo de gandaría intensiva.
O Concello de Muíños non está na demanda por contaminar, senón por non facer nada diante desa contaminación e de non facer nada sabendo (como dixo no mesmo pleno) que se estaba a contaminar augas arriba do encoro. A realidade é que Plácido Álvarez nunca se atreveu a denuncialo malia ter sido un dos militantes con máis peso no PP da provincia.
Sr. Plácido, que lonxe quedan aqueles anos nos que familias de toda a contorna acudían ás praias do encoro a pasar unha xornada de lecer! Hoxe, na praia do Corgo numerosos carteis prohiben o baño naquelas augas; nos últimos anos, malia a información de Sanidade en contra do baño, o concello non puña cartel ningún. Algo se moveu, non si?
BNG
Por parte do BNG, o seu portavoz Xosé M. Puga, realizou dúas afirmacións cando menos sorprendentes. Reclamou «meter en danza» a Naturgy, concesionaria do encoro, como responsábel; e pediu que Naturgy limpe (do encoro) a merda que xera todo o complexo industrial que opera ao redor do lobbi cárnico provincial. Empresa que non citou, mentres colocou Naturgy como pantalla para… tapar as responsabilidades de Coren?… Quizá teñen medo a que lles poñan unha demanda?
Despois, incidindo nos argumentos da industria agrogandeira, asegurou que os xurros «son recursos» que se deberían empregar na superficie agraria da provincia, superficie que sería bo aumentar, entre outras cousas,»para que os xurros non acaben indo ás augas». A realidade é que o BNG atrévese a pedir más superficie agraria para que as macrogranxas teñan máis territorio no que botar os seus residuos, xurros cargados de pesticidas, herbicidas, antibióticos e bacterias resistentes.
Asegurou que «o problema terémolo que resolver outros», polo que intuímos que o BNG pretende moverse nesta cuestión co obxectivo de captar voto e faille ollos ao sector agrogandeiro. A realidade é que ten medo de falar claro sobre quen emite os vertidos que provocan a contaminación das nosas augas.
PSOE
A exalcaldesa de Xinzo e portavoz socialista na Deputación, Elvira Lama, é unha das representantes políticas que máis se ten mollado na denuncia das prácticas contaminantes das nosas augas e, ultimamente, nos riscos que esta contaminación supoñen para a saúde das poboacións. Ela impulsou este debate no pleno. É unha voz valente e comprometida, nun partido no que convive con gobernos municipais en concellos da Limia (Calvos e Rairiz) que favorecen a instalación de macrogranxas e novas parcelarias para gañar superficie de sacrificio.
Polo momento, podémonos crer a Elvira Lama, e desexar que a súa voz e os seus argumentos sexan escoitados no seu partido.
DO
Rafael Cachafeiro, representante de Democracia Orensana, utilizando en todo momento o castelán evidenciando certo autoodio pola lingua, puxo enriba da mesa algunhas cuestións como a da capacidade que teñen as empresas que espallan a contaminación de evitar que as denuncias que presentan particulares ou colectivos nunca vaian adiante.
«Mais intensos»
O debate resumiuno o actual presidente da Deputación, Luis Menor, a quen tamén nos gustaría crer. «Fixéronse algunhas cousas, pero non resolveron o problema. A partir de hoxe temos que ser máis intensos (na procura de solucións)», dixo. A política nesta cuestión está inzada deste tipo de proclamas, atenazada polo medo (a quen sexa: á industria, á perda de votos…), acostumada a facer cousas que non resolven o problema.
O debate público sempre é bo por moi estreitos que sexan os marcos. Esperamos sinceramente que os partidos se apliquen a partir de agora con máis intensidade.