
O Concello do Carballiño recibe este sábado ao mago Marcos Waldemar, campión de España de maxia e semifinalista do concurso televisivo Got Talent. “É para nós unha alegría poder ofertar este espectáculo no Auditorio Municipal, Waldemar ten unha longa traxectoria e está vinculado ao Carballiño desde que viña ao Festival Máxico San Juan Bosco”, asegurou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, durante a presentación da cita cultural. O edil anima á poboación a acudir o sábado e coñecer ao mago, natural de Portomarín (Lugo), quen prepara xira estival por Latinoamérica despois de arrasar en EEUU. “A xente vai poder desfrutar dun espectáculo único dun mago de gran nivel”, resaltou Fernández.
Pola súa parte, Marcos Waldemar recordou os seus inicios no Festival Máxico do Carballiño e agradeceu o traballo de Martín Domínguez (“Le Grand Martin”) e do resto de organizadores. «Tiñamos clarísimo que O Carballiño non podía faltar nesta xira, eu vin seis ou sete veces ao San Juan Bosco e Nacho, integrante do meu equipo, tamén estivo varias veces. Aquí déronnos a oportunidade de irnos labrando un nome nun momento no que eu nin soñaba con ter este espectáculo ou facer unha xira por EEUU”, destacou o artista.
O espectáculo que presenta no Auditorio, “Inherente”, presenta a traxectoria de Waldemar e do seu tío mago, o Conde de Waldemar. “É unha persoa da que din que parou o tráfico no Golden Gate, que transformaba os papeis do xornal en billetes e que incluso facía nevar en calquera sitio”, recordou. A través da comedia, o teatro e a maxia, o público coñecerá a historia de ambos artistas. “O espectáculo tamén fala do que nos é inherente, de que non podemos renunciar ao que somos. Para min a maxia sempre foi inherente a min”, apuntou Waldemar. O público desfrutará de xogos de cartas, mentalismo ou xogos participativos. “Imos intentar que neve no Carballiño!”, avanzou.
A función comeza ás 20,00 horas deste sábado, 18 de abril. As entradas pódense adquirir xa a través de Entradium.com por 14 euros, e o propio día, no despacho de billetes do Auditorio Municipal. “Recomendamos ao público que compre as entradas xa a través da web para non quedar sen elas, e ademais están máis baratas que o sábado”, apuntou o mago.






