O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao pleno unha moción polas condicións laborais do persoal das escolas infantís

Concello de Barbadás
Concello de Barbadás | Foto: Lucas Xosé

O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao pleno municipal do vindeiro luns, 2 de novembro, unha moción en apoio ás reivindicacións laborais e profesionais do persoal educativo das escolas infantís de 0 a 3 anos. A iniciativa, presentada polo Grupo Municipal Socialista, busca dignificar as condicións de traballo das profesionais do sector e avanzar no recoñecemento desta etapa como un ciclo educativo fundamental, afastándose dunha visión exclusivamente asistencial.

As socialistas consideran que a educación infantil de primeiro ciclo é unha etapa decisiva para o desenvolvemento cognitivo, emocional, físico e social dos nenos e nenas, polo que resulta imprescindible garantir tanto unhas condicións laborais dignas para as educadoras como os recursos humanos necesarios para ofrecer unha atención individualizada, segura e de calidade.

A concelleira socialista, Marga Pérez Fernández, defende que «non podemos falar dunha educación infantil de calidade se non garantimos unhas condicións laborais dignas para as profesionais que coidan, educan e acompañan os nosos nenos e nenas desde os seus primeiros anos de vida». Neste sentido, subliña que o traballo destas educadoras vai moito máis alá do coidado, xa que constitúe unha peza esencial no desenvolvemento e na aprendizaxe dos menores.

Salarios indignos, ratios excesivas e falta de recoñecemento educativo

A moción pon o foco na situación de precariedade que, segundo denuncia o Grupo Municipal Socialista, sofre o persoal educativo das escolas infantís, un colectivo maioritariamente feminino que leva meses mobilizándose para reclamar melloras nas súas condicións profesionais.

Entre as principais demandas figuran a negociación dun convenio colectivo que recolla unha suba salarial xusta, a redución progresiva das ratios de alumnado por aula, a implantación da parella educativa e o reforzo dos recursos destinados á atención temperá dos nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

O PSdeG-PSOE de Barbadás tamén reclama que as escolas infantís de 0 a 3 anos reciban o recoñecemento que lles corresponde como centros educativos, co persoal e os recursos necesarios para desenvolver os seus proxectos pedagóxicos. Por iso, a iniciativa insta a Xunta de Galicia a avanzar na adscrición destes centros á Consellería de Educación, en lugar de mantelos no ámbito da Consellería de Política Social e Igualdade.

«É necesario deixar atrás dunha vez por todas a concepción das escolas infantís como simples garderías. Estamos a falar dunha etapa educativa con identidade propia, que require profesionais recoñecidas, tempo para preparar actividades, formación continua e unha atención adecuada ás familias», sinala Marga Pérez Fernández.

A Escola Infantil Municipal da Valenzá, tamén no centro da iniciativa

A moción aborda igualmente a situación da Escola Infantil Municipal da Valenzá, que atende preto dun cento de menores e conta actualmente con doce profesionais, unha delas dedicada exclusivamente a labores administrativas e outra cunha xornada de dúas horas e media pola tarde.

O Grupo Municipal Socialista advirte de que a insuficiencia de persoal e as dificultades para cubrir ausencias e baixas poden comprometer o cumprimento das ratios e incrementar a sobrecarga das traballadoras. Cando faltan unha ou dúas educadoras, a ausencia dunha parella educativa consolidada dificulta manter as condicións necesarias para garantir unha atención axeitada e segura.

As socialistas destacan a profesionalidade e o compromiso do persoal municipal, pero consideran que esta dedicación non pode suplir a falta de medios humanos nin as deficiencias na cobertura das ausencias.

«Desde o Concello temos a responsabilidade de escoitar as profesionais e actuar. Non abonda con recoñecer o seu traballo: hai que poñer medios, planificar as substitucións desde o primeiro día e avanzar cara a un modelo que garanta tanto o benestar dos nenos e nenas como unhas condicións laborais dignas para as educadoras», apunta a concelleira socialista.

As socialistas reclaman compromisos concretos ao Concello e á Xunta

A iniciativa presentada polo PSdeG-PSOE inclúe catro acordos. En primeiro lugar, propón que o pleno manifeste o seu apoio explícito ás reivindicacións laborais e profesionais do persoal educativo do primeiro ciclo de educación infantil, tanto de centros públicos como municipais e privados.

En segundo lugar, insta a Xunta de Galicia, as patronais e as administracións competentes a negociar un convenio colectivo con melloras salariais, implantar a parella educativa, reforzar os recursos para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e reducir progresivamente as ratios por aula.

En terceiro lugar, reclama que o Concello de Barbadás estude e planifique a implantación progresiva da parella educativa na Escola Infantil Municipal, mellore os mecanismos de cobertura de baixas e permisos para garantir a substitución inmediata do persoal e revise as condicións de traballo e os medios humanos e materiais do servizo.

Por último, a moción contempla trasladar os acordos á Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

O PSdeG-PSOE de Barbadás fai un chamamento ao resto dos grupos municipais para apoiar esta iniciativa e contribuír a dignificar o traballo das profesionais das escolas infantís. «Defender unhas condicións laborais xustas para as educadoras é tamén defender unha educación pública de calidade, a igualdade de oportunidades e o benestar dos nenos e nenas de Barbadás», conclúe Marga Pérez Fernández.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio