«O Estadio do Couto é unha das instalacións deportivas máis representativas de Ourense, tanto pola súa historia como polo seu valor simbólico. Non obstante, a súa situación actual dista moito de ser a desexable para que Ourense conte cunha infraestrutura moderna, accesible e de calidade, acorde coas necesidades dos clubs locais e a cidadanía que o utiliza», comeza argumentando a edil do PSdeG no Concello Alba Iglesias na moción que defenderá o vindeiro pleno ordinario de decembro.
As e os edís do grupo municipal socialista levan denunciando nos últimos meses as deficiencias detectadas trala primeira fase das obras de remodelación desta infraestrutura imprescindible para o deporte na terceira cidade de Galicia. É por elo que instarán, mediante esta iniciativa e logo de ter presentado unha emenda aos orzamentos da Xunta da man da deputada Carmen Rodríguez Dacosta, á Xunta a que inclúa unha partida nos presupostos do 2025 para corrixir as eivas detectadas.
«Os vestiarios non teñen ventilación adecuada, a megafonía nos cumpre cos estándares mínimos de calidade e audibilidade precisos para albergar eventos deportivos de alto nivel, as taquillas e os espazos destinados aos e ás profesionais de prensa atópanse nun estado pésimo e inservible e as bancadas non son para o fútbol profesional. O único que semella que quedou ben despois da reforma é o céspede», enumera a concelleira sobre algúns dos problemas detectados e xa advertidos tamén no Consello Municipal de Deportes.
Precisamente por isto, a moción tamén recolle nos seus puntos de acordo instar ao goberno local a coordinar co CMD unha estratexia para garantir a xestión eficiente da remodelación. «O executivo municipal debe desempeñar un papel activo na supervisión das obras e na coordinación con outras administracións para asegurar que se realicen de acordo aos prazos e orzamentos establecidos», esixen as e os socialistas no texto rexistrado.
«Non podemos admitir máis chapuzas e o PP terá que admitir a súa responsabilidade, así como solvertar as eivas da primeira fase de remodelación que supuxo un investimento de case 3 millóns de euros. Unha infraestrutura moderna e de calidade beneficiará a toda a cidadanía, mellorando a seguridade, a accesibilidade e as condicións das instalacións deportivas», remata incidindo a edil.