O PSdeG-PSOE de Ribadavia abandona o pleno e acusa ao alcalde de “dinamitar as regras democráticas”

Concello de Ribadavia
Concello de Ribadavia

O PSdeG-PSOE de Ribadavia vén de confirmar que non asistirá ao pleno ordinario convocado para hoxe martes 5 de maio, ás 20:00 horas, en sinal de protesta polo que cualifican como «un novo atropelo institucional» por parte do alcalde, César Manuel Fernández, e do goberno municipal do Partido Popular.

As e os socialistas denuncian que o rexedor decidiu modificar de forma unilateral a data do pleno, fixada regulamentariamente para o último xoves de cada mes, sen acordo da xunta de portavoces nin do propio pleno, incumprindo de maneira flagrante as normas básicas de funcionamento democrático. «Non existe ningunha causa extraordinaria que xustifique este cambio, trátase única e exclusivamente de adaptar o concello á súa axenda persoal», sinalan.

Desde o PSdeG-PSOE de Ribadavia aseguran que esta decisión non é un feito illado, senón «a culminación de tres anos de deriva autoritaria», nos que César Manuel Fernández «gobernou de costas á oposición e á veciñanza, convertendo o Concello nun espazo opaco e sen apenas democracia». Neste sentido, lembran que levan anos sen convocarse órganos colexiados fundamentais, como o Consello Municipal de Deportes, o padroado da Vila Termal de Prexigueiro ou outros organismos consultivos, «nun abandono deliberado da participación pública».

As e os socialistas van máis alá e acusan ao alcalde de «burlarse sistematicamente das institucións e da propia democracia local», empregando a súa maioría absoluta «como unha ferramenta de imposición e non como un instrumento de goberno ao servizo da cidadanía». «Non se pode gobernar un concello como quen xestiona unha propiedade privada nin tratar á oposición como un estorbo ao que se ignora cando non interesa», engaden.

Así mesmo, denuncian unha política continuada de exclusión institucional, na que a oposición é apartada de actos públicos, decisións relevantes e espazos de participación. «O alcalde leva tres anos sen contar con nós absolutamente para nada, nin sequera para cuestións básicas de funcionamento municipal, o que evidencia unha falta total de respecto polos representantes lexítimos dunha parte moi importante da veciñanza», indican.

O grupo municipal socialista tamén subliña o impacto que estas decisións arbitrarias teñen na vida persoal e profesional dos concelleiros e concelleiras, que organizan o seu traballo en base a un calendario oficial que agora se modifica «ao capricho do alcalde». «Non todo vale en política, e menos cando se trata de institucións públicas», remarcan.

«O que está en xogo non é só a data dun pleno, senón o respecto ás normas, á democracia e á veciñanza de Ribadavia», conclúen desde o PSdeG-PSOE. «Non imos participar nun esperpento nin lexitimar cunha presenza o que consideramos un abuso de poder continuado de César Manuel Fernández e do seu goberno do Partido Popular», conclúen.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad