
O PSdeG-PSOE da Merca, a través do seu voceiro, Carlos Sousa, anunciou durante a celebración do pleno municipal, celebrado na tarde onte, a retirada «inmediata» e en bloque de todas as súas mocións e propostas, incluído o plan estratéxico Patios de Paz. As e os socialistas destacan que esta decisión «é unha resposta directa a situación de bloqueo político e deterioro institucional que vive o concello da man do goberno local do Partido Popular».
A decisión, cualificada polos socialistas como unha «estrita cuestión de responsabilidade», busca salvagardar os proxectos de futuro do municipio para non manchalos co «fango» dun equipo de goberno cuxas sinaturas se atopan actualmente baixo investigación.
«Non imos permitir baixo ningún concepto que os nosos proxectos sexan utilizados por este goberno para lavar a súa imaxe ou camuflar as súas vergoñas», expuxo Sousa no salón de plenos, anunciando que, ante a extrema gravidade dos feitos, o grupo socialista limitarase a partir de agora, e sen concesións, á función de fiscalización.
Anos apostando polo diálogo, a cooperación e o consenso
Desde o grupo socialista lémbrase que esta drástica decisión chega tras esgotar pacientemente todas as vías institucionais. Tal e como recalcou o voceiro na súa intervención, o PSdeG-PSOE demostrou durante unha boa parte da lexislatura «unha vontade inequívoca de contribuír, cooperar, dialogar e chegar a acordos, co único e exclusivo fin de mellorar a calidade de vida dos veciños e darlle á Merca unha verdadeira proxección de futuro».
«Con todo, o grupo de goberno entendeu esa actitude construtiva e de consenso como unha sinal de debilidade, confundindo a responsabilidade con submisión», lamenta Carlos Sousa, quen sinala que a normalidade institucional rompeuse por completo debido á soberbia e o rodete autoritario do Partido Popular.
Réplica contundente ás declaracións do alcalde
Tras a denuncia penal presentada polo PSdeG-PSOE ante a Fiscalía Provincial por presuntos delitos de prevaricación administrativa continuada, falsidade en documento público e inxurias graves, o alcalde da Merca tentou restar importancia aos feitos en diversos medios, cualificándoos de «invento», «estratexia electoral» e acusando aos socialistas de teren «perdido o norte».
Ante estas declaracións, Carlos Sousa foi taxativo: «Hai que ter moito valor e moi poucos escrúpulos para acusarnos de perder o norte. Os únicos que perderon o norte —e o mapa por completo— son eles. Perder o norte é ignorar informes técnicos que advirten que o parque de vivendas en ruínas representa un risco alto e inminente, poñendo en perigo a vida dos veciños tras décadas de inacción».
O voceiro socialista tamén desmontou a técnica do «invento» esgrimida polo rexedor popular. «Unha denuncia penal de 13 páxinas, fundamentada nun dossier exhaustivo con 300 folios de probas documentais, non é un invento nin unha perrencha. É o resultado de meses de traballo rigoroso ante un goberno que rompeu a normalidade institucional pola súa soberbia e as súas presuntas ilegalidades», afirmou.
Finalmente, fronte á acusación de estar a levar a cabo unha «estratexia electoral» de cara a 2027, Sousa lembrou que a vella forma de facer política do PP está caduca. «Nós non estamos aquí para buscar poltronas. A nós as eleccións de 2027 preocúpannos moi pouco; a nosa única prioridade é evitar unha desgraza na Merca. Quen reduce todo a un cálculo electoral e basea a súa política nese clásico caso de ‘proxección psicolóxica’ de manual —acusar ao rival das súas propias obsesións simplemente porque eles son incapaces de concibir a política sen unha poltrona debaixo—, demostra que só sabe contar votos, non xestionar problemas».
O PSdeG-PSOE lembra que, ademais da vía penal xa iniciada, a grave situación de seguridade xurídica e cidadá do municipio foi posta en coñecemento da Valedora do Pobo e da Mesa do Parlamento de Galicia xa no mes de marzo. «As nosas propostas quedan protexidas do seu fango, e as súas presuntas responsabilidades penais quedan en mans da Xustiza. O traballo está feito», concluíu Sousa.






