Ribadavia celebra un Mes do Libro centrado na participación veciñal e o enxeño

Casa da Cultura de Ribadavia
Casa da Cultura de Ribadavia

O Concello de Ribadavia, a través da súa Biblioteca Pública Municipal, presenta unha programación especial ao longo do mes de abril con motivo do Mes do Libro, que culminará o vindeiro xoves 23, cando se conmemora mundialmente o Día do Libro. A iniciativa posta en marcha inclúe actividades para público infantil e familiar, accións de carácter solidario e promoción do comercio local vinculado á lectura.

Un dos eixos principais da programación é o “Marcapáxinas Solidario”, unha proposta desenvolvida en colaboración coa ONG Save the Children, que combina o fomento da lectura coa sensibilización social.

A actividade, dirixida a nenos e nenas e acompañados das súas familias, celebrarase os días 14, 15 e 16 de abril ás 17:00 horas na sala infantil da Biblioteca. Estrutúrase en dúas partes: un contacontos e un obradoiro de creación de marcapáxinas. A través desta iniciativa, búscase achegar aos máis pequenos ao mundo dos libros ao tempo que se promove a reflexión, adaptada á súa idade, sobre a realidade que tristemente viven milleiros de nenos e nenas afectados por conflitos bélicos, pobreza e falta de acceso a dereitos básicos. Un contexto internacional que na actualidade e unha vez máis, ve como a infancia é a máis perxudicada. Por iso mesmo, dende a Biblioteca, consideran “fundamental que, ademais de fomentar o hábito lector, se aproveite a lectura para promover a empatía, a solidariedade e o compromiso social”. “Con esta actividade buscamos precisamente que as familias comprendan que, aínda no século XXI e nun mundo con sobreprodución alimentaria, existen nenos que pasan fame por causas alleas á súa vontade”, enfatizan.

A campaña “Marcapáxinas Solidario”, celébrase en toda España durante o mes de abril. A participación require inscrición previa, xa que as prazas están limitadas a 12 participantes por sesión para garantir unha atención próxima e de calidade. A actividade inclúe unha achega económica voluntaria (cun mínimo de 1 euro por neno), que será destinada a Save the Children para colaborar na produción de pasta de cacahuete terapéutica, un alimento clave na loita contra a desnutrición infantil en zonas vulnerables.

Como recoñecemento, os participantes recibirán un diploma e o carné de lector da ONG.

Ademais, desde o día 13 de abril, a biblioteca acollerá unha exposición sobre o labor de Save the Children, reforzando o carácter educativo e de concienciación da programación.

O programa continuará o 23 de abril, coincidindo co Día do Libro, cun contacontos teatralizado titulado “Contos de lobos”, a cargo da compañía Ghazafelhos Teatro. Durante esa xornada, tamén se realizará un agasallo de libros ao público asistente ata fin de existencias.

Como complemento, e co obxectivo de fomentar a lectura e apoiar o comercio local, o Concello promove un desconto do 20% na compra de libros nas librarías Follas Novas, Mafranch e Goyma, entre os días 22 e 26 de abril.

Desde o Concello de Ribadavia destácase que esta programación busca non só incentivar o hábito lector, senón tamén transmitir valores fundamentais como a empatía, a solidariedade e o compromiso social, demostrando que a cultura pode ser unha ferramenta de transformación.

As inscricións para o “Marcapáxinas Solidario” están abertas na Biblioteca Pública Municipal e na Casa da Cultura (988 47 19 00 / ribadavia.rbgalicia@eidolocal.es).

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad