O BNG de Porqueira denuncia desaxustes contables de 2.000 euros mensuais no Concello

BNG
BNG

Sonia Fondevila, portavoz do BNG de Porqueira, Bernardo Varela, portavoz do BNG na Deputación de Ourense e Iago Tabarés, Deputado do BNG no Parlamento de Galiza, compareceron en rolda de prensa arroupados por diversos cargos institucionais da organización frontista na comarca da Limia para abordar a situación económica do concello de Porqueira.

O BNG facía públicos uns informes oficiais do propio Concello nos que se advirte da existencia de descuadres de efectivo de arredor de 2.000 euros mensuais en distintos servizos municipais, nomeadamente na piscina, no servizo de rozas e no Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

A portavoz municipal do BNG en Porqueira, Sonia Fondevila, quixo deixar claro que «en ningún momento puxemos en cuestión a profesionalidade do persoal municipal», subliñando que as informacións feitas públicas «están baseadas exclusivamente en informes oficiais elaborados polo secretario interventor do propio Concello de Porqueira».

Fondevila explicou que estes informes «detectan un descuadre nas contas que cómpre aclarar, xa que estamos a falar de fondos públicos», e insistiu en que «a nosa obriga como oposición é exercer control e pedir explicacións ao goberno local».

Neste sentido,  denunciou que o BNG leva meses solicitando documentación para aclarar estes feitos. «Fixemos peticións reiteradas, primeiro de maneira informal e posteriormente a través do rexistro, mais a día de hoxe segue sen entregarse toda a documentación requirida», afirmou.

Entre a información solicitada, destaca a xustificación dos ingresos do SAF e a acreditación do seu ingreso efectivo en contas bancarias municipais. «O que se nos amosa non son facturas oficiais nin xustificantes válidos, senón anotacións e recibos sen validez administrativa, o que non permite xustificar os movementos de diñeiro público», sinalou.

A portavoz nacionalista puxo exemplos desta situación, indicando que «non se pode dar por válido un control económico baseado en tíckets ou anotacións manuais que non cumpren cos requisitos legais», e advertiu de que «estamos a falar de cantidades que poden superar os 24.000 euros anuais».

Pola súa banda, o portavoz do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, incidiu en que «o que está facendo o BNG é cumprir coa súa función de control, trasladando á cidadanía o contido de informes oficiais».

«O que din eses documentos é claro: existen descuadres reiterados no tempo e non consta que se adoptaran medidas para corrixilos nin informes que os desmintan», afirmou.

Varela sinalou tamén outras anomalías, como a existencia de gastos na piscina municipal sen que consten ingresos asociados. «Se hai compra de material para a súa venda, ten que haber ingresos reflectidos nas contas. De non ser así, é necesario explicar que está a pasar», indicou.

Neste contexto, o deputado provincial advertiu de que «o máis preocupante non é só a existencia destes desaxuste contables, senón a ausencia de control e de respostas por parte do goberno municipal».

Ante esta situación, o BNG reclama a entrega inmediata de toda a documentación pendente e propón que o Concello solicite a colaboración dos servizos técnicos da Deputación de Ourense para realizar unha análise independente.

«Estamos ante unha cuestión complexa que require claridade e garantías. A Deputación conta con medios técnicos para avaliar esta situación e determinar se existe un problema real ou se pode haber unha explicación que non se nos trasladou», explicou Varela.

Desde o BNG subliñan que esta actuación forma parte do exercicio normal das funcións de control democrático. «Non estamos a facer acusacións, estamos a facer preguntas baseadas en documentos oficiais», destacou Fondevila.

«O único que pedimos é transparencia e rigor na xestión dos recursos públicos, algo fundamental para garantir os dereitos da veciñanza de Porqueira», concluíu.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad