
O Concello de Sandiás celebrou o pasado luns 30 de marzo, unha xornada de portas abertas no polideportivo municipal e no ximnasio, en horario de 20:30 a 21:30 horas, co obxectivo de dar a coñecer á veciñanza e a xente da Comarca da Limia as melloras realizadas nas instalacións, coñecer con detalle as máquinas, salas e servizos que ofrece así como fomentar a práctica deportiva e da saúde.
Esta iniciativa chega nun momento clave, xa que as obras de peche e ampliación do pavillón polideportivo concluíron. Neste marco de mellora na oferta deportiva e para a saúde realizouse un investimento adicional de arredor de 21.000 euros destinado á dotación do ximnasio municipal. Grazas a unha subvención da Deputación de Ourense de 17.600,98 euros, incorporouse equipamento básico como cinta de correr, elíptica, bicicleta estática vertical, multiestación, espaldera de oito banzos, mancuernero, chan tatami, banco de musculación, barras, discos e esterillas. Pola súa banda, o Concello achegou 3.362,5 euros para a adquisición de bancos e armarios.
O polideportivo conta xa cunha pista polideportiva, calefacción, duchas, vestiarios, taquillas, bancos e ximnasio, configurándose como un espazo funcional e adaptado ás necesidades do medio rural. Estas actuacións teñen como finalidade favorecer un uso polivalente das instalacións, tanto para o alumnado do Punto de Atención Infantil e do CEIP de Sandiás como para a veciñanza das distintas aldeas do concello e da Comarca da Limia.
No que respecta ás condicións de uso, a información completa está recollida no Regulamento e na Ordenanza Municipal reguladora dos prezos públicos, dispoñible na web e no taboleiro de anuncios do Concello. Para o uso puntual do pavillón fóra do horario lectivo do Ceip de Sandiás, establécense tarifas de 20 euros por hora para entidades sen ánimo de lucro do municipio e tamén para clubs doutros concellos, mentres que o uso particular terá un custo de 16 euros por hora. En relación co uso do ximnasio fíxase un abono anual de 200 euros e mensual de 20 euros. As persoas empadroadas en Sandiás benefícianse dunha bonificación do 50%, quedando o abono anual en 100 euros e o mensual en 10 euros. As instalacións permanecerán abertas en período lectivo de 6.00 h ata 10.00 h e de 17.00 h ata 22.00 h e nos fins de semana festivos e períodos non lectivos dende 6.00 h ata 22.00 h. Estes horarios poderánse alterar segundo as necesidades do concello.
Na tarde da visita guiada realizada polo alcalde Felipe Traveso visitaron as instalacións preto de cuarenta veciños e veciñas de idades variadas. Ensinóuselles o polideportivo, as duchas e taquillas, o ximnasio e as máquinas, o sistema de acceso, prezos e horarios dispoñibles e contestáronse as dúbidas expostas. Con estas melloras, o Concello busca ofrecer unha infraestrutura de calidade que contribúa á mellora do benestar físico e da saúde da poboación, ao tempo que impulsa unha oferta deportiva e ximnástica variada e adaptada ao contexto rural.





