
O alcalde de Ribadavia e presidente da Red de Xuderías de España, César Fernández, afronta esta semana unha intensa axenda institucional en Madrid e París. O obxectivo é claro: dar máis visibilidade ao legado sefardí de Ribadavia e estreitar lazos con entidades culturais e turísticas de referencia.
A primeira parada será o martes no Centro Sefarad, ás 10.00 horas, nun encontro co seu director xeral, José Thobar, para estudar novas vías de difusión e reforzar o papel da vila na preservación do patrimonio sefardí. Pouco despois, ás 11.30 horas, Fernández reunirase co director xeral do Instituto Cervantes, Luis García Montero, para abordar futuras accións culturais e gastronómicas en España e no exterior. A xornada pecharase cunha reunión coa Federación de Comunidades Xudías de España, liderada por David Obadía e Carolina Aisen, centrada en impulsar proxectos formativos conxuntos.
O mércores, a axenda trasládase a París, onde o alcalde se reunirá coa conselleira de Turespaña, María José Gómez, para avanzar na promoción internacional das cidades da Rede. Ademais, participará no Summit de Alcaldes para a promoción da cultura sefardí, un espazo estratéxico no que Ribadavia presentará o seu compromiso coa protección do patrimonio xudeu.
Con esta viaxe, Ribadavia gana presenza nos grandes foros da cultura sefardí e abre novas portas para iniciativas que poidan fortalecer o seu atractivo cultural, turístico e económico.






