
A portavoz do grupo provincial popular, Patricia Torres, lamenta que socialistas e nacionalistas decidiran absterse ante a petición de máis gardas civís para a provincia de Ourense, subliñando neste sentido que «isto non é unha cuestión de ideoloxía, senón que se trata de protexer á cidadanía».
No pleno da Deputación celebrado esta mañá, a Corporación debateu unha iniciativa do grupo popular na que se solicitaba o reforzo de efectivos da Garda Civil na provincia ante un escenario de inseguridade, de modo particular no rural e entre a poboación de máis idade, «que non se corresponde cunha percepción subxectiva, senón que se trata de feitos contrastados».
Patricia Torres criticou que, por exemplo, para o grupo socialista as denuncias cidadáns no Barco de Valdeorras ante a ola de roubos que se están a rexistrar na vila «redúzase á actividade de catro chourizos», mentres que o BNG presenta unha emenda «na que prefire falar da creación dunha policía galega antes que apostar pola seguridade da veciñanza».
Ao pleno asistiron hoxe máis dunha decena de alcaldes dos concellos afectados polos recortes en axentes e a redución dos horarios dos cuarteis, entre eles o rexedor de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, onde se rexistraron preto de medio cento de roubos.
A portavoz popular lembrou que o PP xa presentara ao Pleno unha iniciativa semellante, «na que seguiremos reiterando e insistindo ata que consigamos que a veciñanza do rural síntase amparada». Ninguén pode sentirse seguro, engadiu Torres, «con menos gardas civís no territorio, cuarteis que non abren a diario e unha media dunha hora de espera como tempo de resposta ante unha situación de emerxencia; así non imos a mellor».