
O Concello de Ourense iniciou esta mañá a execución das obras de humanización da Avenida de Portugal. Son dous proxectos que abranguen a totalidade da rúa: o primeiro inclúe o treito comprendido entre a rúa Ervedelo e Vila Valencia, e o segundo o que vai desde Vila Valencia até Marcelo Macías, cun orzamento de licitación total de 5.989.285,39 euros.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado por concelleiras e concelleiros do goberno municipal, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentaron esta mañá as obras, que financia o Concello con fondos propios (4.577.533,78 euros) co apoio dunha subvención de 1.411.751,61 euros de fondos Next (equivalente ao 23,5% do total da obra).
A intervención ten por obxecto renovar o espazo viario con criterios de mellora da accesibilidade, a mobilidade e a renovación de servizos nunha das principais rúas da cidade. Con esta actuación favorécese unha mobilidade alternativa (máis desprazamentos a pé ou en bicicleta), créanse espazos seguros (beirarrúas máis amplas e redución de velocidade), foméntase a mobilidade inclusiva (itinerarios accesibles) e, en definitiva, recupérase o concepto de rúa como espazo amable, de calidade e para as persoas, o que permite, á súa vez, aumentar a actividade económica de proximidade, con solucións ambientais sostibles (eficiencia enerxética e redución da contaminación).
Nos dous casos as obras serán executadas pola empresa Obras, Pavimentos e Instalaciones Industriales SL, por ser a que presentou a oferta con mellor relación calidade-prezo. O Concello agarda que estean rematadas en menos dun ano.
Os dous proxectos serán financiados parcialmente con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Recuperación Next Generation EU, ao abeiro do Programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano (aprobado pola Orde ministerial TMA/892/2021, do 17 de agosto).
O alcalde de Ourense subliñou a importancia desta obra “que vai cambiar o barrio do Couto”, cunha “tremenda actuación de humanización” dos 1,2 km que ten de lonxitude esta rúa. “Coincidindo coas festas, anunciamos a maior obra que se fixera nunca neste barrio e tamén a segunda máis grande en calquera barrio da cidade, despois da que estamos realizando no Parque de Canedo”, manifestou.
Gonzalo Jácome explicou que a obra se financia con fondos do Concello e o apoio do goberno do estado a través de fondos europeos, e lamentou a falta de investimentos da Xunta de Galicia en Ourense: “Como vedes nestas actuacións a que sempre falta é a Xunta de Galicia”, sinalou o rexedor, que denunciou a “discriminación” da cidade: “somos a auténtica Cenicienta, non sei se é que hai unha consigna de dicir que para Ourense nin auga, pero realmente Ourense ten que erguerse contra esta discriminación da Xunta, porque vemos que todas as obras e todo o que estamos cambiando en Ourense facémolo con fondos propios do Concello e unha parte con fondos europeos a través do Goberno de España. A Xunta de Galicia sempre está absolutamente missing”.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas, Francisco Lorenzo, explicou que a obra “vén ser unha renovación e modernización da columna vertebral do barrio do Couto, o que demostra que non só nos preocupamos do centro, senón tamén dos barrios”, e subliñou como aspectos máis destacados a humanización completa da rúa, a renovación de todos os servizos, incluído o saneamento, que era unha das maiores carencias da zona, a iluminación e a ampliación das zonas peonís. “Os barrios están entrando grazas ao noso goberno no século XXI con 20 anos de atraso porque os gobernos anteriores nas primeiras décadas non fixeran nada”, aseverou Francisco Lorenzo.
As obras comezarán a executarse nos treitos entre Ervedelo e Praza do Couto, e entre Vila Valencia e Irmáns Xesta.