O PSOE reclama a Jácome rigor e informes económicos antes de implantar a gratuidade do transporte urbano

Autobús en la calle Progreso
Autobús en la calle Progreso

As edís do grupo municipal socialista no Concello de Ourense votaron en contra da modificación de crédito de 2,53 millóns de euros para a adquisición de novos autobuses por considerar que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome fai «populismo acelerado» cunha factura millonaria e que a implantación do transporte urbano gratuíto require «un estudo técnico» e un contrato estable. Así o defendeu a edil do PSdeG Alba Iglesias durante a súa intervención na sesión plenaria que tivo lugar esta mañá.

«Dende 2015 o transporte está en precario nesta cidade. E en vez de sacar un novo contrato de bus moderno e estable, vostede optou polas improvisacións, as compras soltas, os cambios de rede que son un desastre, e agora unha gratuidade sen base técnica. Non hai ninguna garantía de que con 7 buses vaia a funcionar. Nin un informe serio, nin simulacións de demanda, nin estudo económico. Só unha cifra: ‘cremos que poden facer falta 7 buses’. Ese é o nivel», recriminou a socialista ao alcalde.

Neste senso, incidiu en que a medida pode aumentar o caos se non se planifica ben. «A gratuidade é popular, pero mal feita pode ser contraproducente e supoñer máis aglomeracións, máis retrasos e máis queixas», incidiu a edil. E engadiu: «Intentan converter un informe negativo nunha opinión discutible. Onde está a memoria económica completa? Só hai un papel de dúas páxinas con números soltos. Cal é o custo anual da gratuidade do bus? Non existe un cálculo público e iso en si mesmo xa é un escándalo. Anuncian algo sen saber canto custa», denunciou.

Así as cousas, insistiu en analizar as necesidades reais das liñas e pensar nas persoas que dependen do transporte público para ir traballar, ao colexio ou ao hospital. «Vanse poñer minibuses pequenos, eléctricos que non funcionan nas pendentes, vehículos que se avarían todo o tempo, que non abren as portas, que non teñen rampas operativas… O que van a conseguir é que a xente deixe de usar o autobús, e iso é exactamente o contrario do que debería ser o transporte público», lamentou.

«Estar en contra desta modificación é estar a favor dun transporte público serio, digno, planificado e estable. Porque o que vostede está a facer é hipotecar o futuro do servizo para sacar un titular fácil hoxe. Nós estamos a favor dun bus gratis que funcione. Vostede emprégao de escudo para tapar a súa incapacidade. Regalar algo que funciona mal… Menudo mérito», rematou ironizando.

En canto a modificación de crédito de 300.000 euros para destinar Remanente de Tesourería a mellorar instalacións deportivas da cidade, as socialistas votaron a favor. «É certo que resulta imprescindible solventar ese tipo de eivas. Pero tamén é certo que dende o Consello Municipal de Deportes (CMD), e tendo en conta que o seu presidente ten unha certa capacidade deportiva, nesta cidade deberiamos tentar ser máis ambiciosos. Temos todas as cualidades que unha cidade debe ter para ser un referente. Incluso se tivesemos un PXOM aprobado poderíamos plantexarnos a posibilidade de construir unha cidade deportiva e deixar dunha vez por todas os parches nas distintas instalacións municipais», argumentou a concelleira do PSOE María Fernández.

Ademais, aproveitou a súa quenda de palabra para reclamar que o CMD aplique políticas transversais, máis aló das obras e acondicionamentos dos espazos do Concello, como os hábitos saudables, a práctica deportiva entre a poboación e «incrementar a presenza feminina nas primeiras filas das fotos e das responsabilidades nas competicións deportivas».

«Estou segura de que hai mulleres e nenas en todas as disciplinas deportivas que poden acompañalos a vostedes, os homes, en todas as súas presentación e toma de decisión», exhortou ao executivo local.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad