
O deputado provincial do BNG Xosé Manuel Puga representante nacionalista ante o Consello Reitor do INORDE presentou unha emenda aos orzamentos do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) para o exercicio 2026, que se debaterán esta tarde no Consello Reitor. Trátase, segundo explicou, da terceira vez consecutiva que o grupo nacionalista formula esta proposta «seguindo cos argumentos de anos pasados, xa que nada ten mudado».
Puga sinalou que o BNG «segue a considerar o INORDE un órgano que duplica esforzos económicos, materiais e humanos, e polo tanto perfectamente prescindible». Lembrou que «a totalidade de iniciativas, actuacións e colaboracións poden ser realizadas perfectamente polos distintos servizos que ten a Deputación Provincial», polo que defendeu a «racionalización das distintas administracións e evitar a duplicidade de estruturas como unha regra básica de actuación política».
O deputado nacionalista advertiu ademais que «o INORDE é cada vez máis dependente economicamente da Deputación Provincial, ata o punto de que xa paga absolutamente todo». Puga lembrou que «nos orzamentos de 2024 a achega da Deputación representaba o 82% do total, en 2025 subiu ao 86% e para 2026 acada xa o 87%», o que, ao xuízo del e da organización que representa, «amosa con claridade que o INORDE perdeu calquera capacidade propia de autofinanciamento e converteuse nun simple apéndice administrativo da Deputación».
A emenda presentada polo grupo nacionalista propón a minoración de distintos capítulos de gasto por un total de 572.500 euros, cantidade que o BNG solicita destinar á creación dunha nova partida denominada «Investimentos e colaboración da Deputación Provincial de Ourense con entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de actividades e accións de dinamización económica e social nas comarcas de Ourense».
O deputado explicou que esta proposta busca «que eses fondos se empreguen en apoiar ao tecido económico e social de Ourense en lugar de manter estruturas innecesarias».
Segundo a análise do BNG, os orzamentos do INORDE para 2026 «supoñen un incremento da achega da Deputación Provincial de practicamente un 16%, pasando de 2,4 millóns de euros en 2025 a 2,8 millóns para 2026», e manteñen «un carácter totalmente continuista cos do, ano pasado, agás o aumento en investimentos reais para mellora de instalacións».
O nacionalista destacou tamén que «o capítulo 1, correspondente a persoal, supón o 47,17% do total do orzamento do INORDE, dez puntos máis que o que representa no orzamento da propia Deputación», o que, ao seu xuízo, confirma «que a metade do gasto do INORDE é en persoal».
«No caso de prescindir do INORDE aforraríanse case 200.000 euros en gastos de persoal e gratificacións, que poderían servir para apoiar ao tecido económico da Ourense», engadiu Puga.
Por todo iso, o BNG reiterou que a súa emenda «segue o mesmo patrón de anos precedentes, coa vontade de reorientar os recursos públicos cara a actuacións produtivas e de impacto real na economía das comarcas de Ourense».






