O BNG esixe solucións inmediatas ao Alcalde da Merca ante as altas temperaturas na Escola Infantil

Teresa Garrido BNG A Merca
Teresa Garrido

A portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello da Merca, Teresa Garrido, presentará no vindeiro pleno unha moción por vía de urxencia para abordar a situación das altas temperaturas na Escola Infantil municipal, ao tempo que rexistrou un escrito dirixido directamente ao Alcalde, dada a gravidade e o inmediato do problema. O BNG considera imprescindible unha resposta urxente do goberno municipal para garantir o benestar das crianzas e do persoal educativo.

A iniciativa do BNG recolle diversas propostas para afrontar esta situación de risco. Entre elas, reclámase a elaboración dun informe técnico por parte do arquitecto municipal que analice as causas das elevadas temperaturas nas instalacións e propoña solucións viables. Ao mesmo tempo, solicítase a instalación de medidas provisionais e urxentes que poidan paliar os efectos do calor mentres non se acometen actuacións estruturais. O BNG tamén insta a que se busque apoio técnico e financeiro doutras administracións, como a Xunta de Galicia, para levar a cabo as melloras necesarias, e que se informe puntualmente ás familias e ao persoal educativo sobre os pasos que se vaian dar.

Segundo explica Teresa Garrido, a moción preséntase con carácter de urxencia «dado que o pleno ordinario xa foi convocado e os feitos que a motivan teñen relación coa saúde e benestar da poboación infantil do noso concello». Nos últimos días, tanto familias como persoal da Escola Infantil trasladaron ao BNG a súa preocupación polas temperaturas superiores aos 30ºC rexistradas dentro das aulas, o que dificulta o descanso e supón un risco evidente para a saúde.

«A escola infantil debe ser un espazo seguro, acolledor e adaptado á realidade climática actual», sinala Garrido, quen tamén lembra que «é responsabilidade do Concello garantir unhas condicións axeitadas nas infraestruturas educativas municipais».

A exposición de motivos da moción recolle que o fenómeno das altas temperaturas durante a primavera e o verán «afecta negativamente ao benestar e á saúde das persoas, en especial da infancia, tal e como se viu estas últimas semanas», sendo especialmente preocupante a situación actual da gardería municipal, onde se constataron condicións térmicas «inadecuadas para a atención educativa e o coidado das crianzas».

Desde o BNG fan un chamamento á responsabilidade institucional e á cooperación para atender esta demanda social básica e garantir a saúde e seguridade das crianzas. Teresa Garrido advirte que «as crianzas non poden agardar a trámites administrativos cando están expostas a condicións de risco. É hora de actuar».

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad