
O deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, ven de manifestar a satisfacción da organización nacionalista pola sentencia en favor da veciñanza das Cunchas.
«Dende o Bloque Nacionalista Galego, queremos expresar a nosa satisfacción pola sentenza do TSXG que dá a razón á veciñanza das Cunchas na súa loita xusta e incansábel pola defensa do seu dereito á saúde, ao acceso á auga potable e a vivir nun medio ambiente limpo» declaraba Tabarés
Con esta sentencia o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñece a vulneración dos dereitos fundamentais das persoas afectadas pola contaminación do embalse das Conchas e condena á Xunta de Galicia, á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e aos a súa inacción prolongada.
Este fallo histórico tamén corrobora a denuncia que o BNG vén realizando durante anos, tanto no Parlamento galego como no Parlamento Europeo, alertando da situación límite que padecen as comarcas da Limia e da Baixa Limia por mor dunha xestión irresponsábel e permisiva da contaminación e do abandono institucional.
A sentenza recoñece a existencia dunha lesión grave dos dereitos fundamentais, entre eles o dereito á vida, á integridade física e moral, á intimidade do fogar, á protección da saúde e ao disfrute dun medio ambiente saudábel, todos eles amparados pola Constitución e polo Convenio Europeo de Dereitos Humanos.
Desde o BNG agardan a execución inmediata da sentenza, coa adopción de todas as medidas necesarias para garantir un abastecemento de auga seguro, a eliminación dos focos contaminantes e a recuperación ambiental do entorno do embalse. A reparación efectiva dos dereitos vulnerados, incluíndo as indemnizacións recoñecidas ás persoas afectadas. E por suposto a posta en marcha dun plan integral de descontaminación da conca do Limia e dunha política seria de protección dos recursos hídricos e do territorio, fronte outros intereses
Esta vitoria xudicial é tamén unha vitoria colectiva da veciñanza organizada, da Asociación de Veciños das Cunchas e das entidades sociais que levaron até o final unha causa que representa a dignidade dun pobo que se nega a ser invisibilizado e sacrificado.
Dende o BNG reiteramos o noso compromiso con estas loitas, e seguiremos traballando desde a mobilización e desde as institucións para que a voz da veciñanza sexa respectada e reparada.