
«É unha absoluta falta de respecto» O Concello de Ourense remitiu esta mañá unha notificación aos diferentes grupos municipais na que se inclúen catro documentos relacionados co Orzamento municipal: a memoria do proxecto e da modificación das bases de execución, o estado ingresos clasificado por orgánica e o estado de gastos clasificados por programa, sendo estas as clasificacións menos útiles porque son as máis escuetas no que se refire ao destino dos cartos, e as máis complexas á hora de realizar análises comparativos con outros orzamentos «entendemos claramente que é unha casualidade», ironiza a concelleira. «Un proxecto de orzamentos debe conter, como mínimo, unha memoria, a liquidación do exercicio anterior e un avance do corrente, o anexo de persoal, o anexo de investimentos e un informe económico financieiro. Iso como mínimo legal» continúan as socialistas.
De todos remiten o primeiro: Unha memoria explicativa política, porque o grupo de goberno destina os recursos económicos a unha partida ou outra e que serva de radiografía do seu proxecto político: «Remítesenos unha memoria económica técnica na que se xustifican determinados incrementos e que non aporta información relevante porque sumar e restar, en principio, sabemos todas. O que queremos saber dende o Grupo Municipal Socialista é cal é o proxecto político de Democracia Ourensana para a nosa cidade»
Do resto: liquidación, estados de gastos por económica, anexos de persoal ou beneficios fiscais e informes preceptivos… nada se sabe, por non falar ou, máis importante se cadra o anexo de convenio subscritos en materia social «ou incúmprese a legalidade ao obviar no proxecto compromisos adquiridos, ou peor, non teñen pensado suscribir ningún convenio en materia social no presente exercicio»
«Non sei se é un coleccionable e a semana que ven sae o informe xurídico, dende logo quedará para a última entrega o informe de intervención. Queremos pensar que é por descoñecemento e que non existe unha vontade de rirse de nós»
A nota remitida polo concello de Ourense: unha mentira en 5 parágrafos «modo DO»
Dende a humildade e con espírito construtivo remitimos as nosas correccións á nota publicada esta mañá polo Goberno Municipal, e aproveitamos para lembrarlle que debería ser remitida por Democracia Ourensana e non dende a canle institucional ao non ser información obxectiva, senón cun marcado carácter partidista:
O goberno municipal lamenta ter anunciada a aprobación do orzamento sen que este contase cos informes preceptivos nin o proxecto completo. Hoxe remitiuse un avance de catro documentos ao azar para ter entretidos aos compañeiros da corporación, ganar tempo e exercer presión a funcionarios públicos aos que fai unha semana lles mandamos un borrador incompleto
O Goberno, tras fracasar nas negociacións cos grupos da oposición, leva quince días sentado co Partido Popular que votará o que se lle indique dende o pazo provincial sen necesidade de coñecer o contido do proxecto. Así, o alcalde Pérez Jácome, non terá ninguna necesidade de formular unha cuestión de confianza nin calquera outro mecanismo de rendemento de contas porque o primeiro, e o único, son as cadeiras.
O proxecto de orzamento prevé un incremento dun 10% en relación co de 2020 e o capítulo de gasto social que dixemos que se incrementaba case un 30%, agora imos deixalo nun 20% porque era complicado de xustificar. Non incluímos ningún investimento, agás os que están afectados, porque xa o faremos con cargo a un remanente que non sabemos cal vai ser, nin se está comprometido e tampouco tivemos en conta as reclamación das concesionarias que actualmente están en precario.
No capítulo de ingresos, o Goberno Municipal contempla un incremento do 50% na taxa da auga, e lle sumamos outro de case 3,5 millóns en impostos, taxas e prezos públicos que se duplicaron con respecto ao orzamento anterior.
Paralelamente, levouse a cabo unha revisión das bases de execución, normativa que acompaña os orzamentos, para limitar as tarefas de fiscalización e control interno e simplificar as xustificacións dos gastos.