
A Concellería de Cultura e a Concellería de Turismo reforzan a programación lúdica do verán co obxectivo de que a veciñanza e os miles de visitantes que cada verán se achegan ao municipio desfruten da arte e da cultura na rúa. O Verán Cultural inclúe máis de 50 actividades de música, teatro, fotografía e cine dirixidas a público de todas as idades. “O Carballiño é un gran referente como destino turístico, queremos que a xente se divirta e desfrute do noso concello”, apunta Diego Fernández, concelleiro de Cultura.
A programación arranca mañá co concerto de Zeltia Irevire, que actuará ás 20,00 horas na Praza Maior. A actuación tamén da inicio ao 6º Ciclo de Música de Rúa Feito no Carballiño, unha aposta do Concello por poñer en valor aqueles grupos musicais vencelladas ao municipio. O domingo, o Verán Cultural continúa coa 27ª Convivencia Familiar, organizada por Special Olympics Galicia, na que participan preto de 700 persoas con discapacidade, familiares, profesionais, voluntarios e directivos de 19 entidades de toda Galicia. Tamén o domingo se levarán a cabo as Olimpíadas con Froita, unha actividade dirixida a nenos e nenas na que se fomentan hábitos saudables como a inxesta de froitas de tempada.
Durante as próximas semanas, sucederanse actuacións musicais, obradoiros (como o de creación de curtametraxes, impulsado por Xociviga), cine, festivais, pasarrúas ou exposicións artísticas.
A programación arredor da Festa do Pulpo crece este ano, con 20 días de actividades para todos os públicos. A datas tradicionais como a elaboración da Tapa de Pulpo máis grande do mundo ou o Concurso de Camisetas únense citas como o Día do Emigrante ou a Mostra de Viños. O Concello quixo facer unha especial chiscadela aos emigrantes do Carballiño que cada verán regresan á terriña para desfrutar das súas raíces. “Facemos o Día do Emigrante para homenaxear a súa gran contribución ao noso municipio”, explica Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.
A enocultura tamén terá o seu oco a través da Mostra de Viños, na que participará unha representación de adegas da D.O. Ribeiro, ademais de dúas adegas internacionais, unha de Noventa Padovana (Italia) e outra de Alijó (Portugal) -ambas localidades están irmandadas co Carballiño-.
Diego Fernández e Manuel Dacal animan á poboación a participar na programación e a desfrutar da amplia e variada oferta cultural para estes meses. O Verán Cultural rematará o 13 de setembro co concerto dun dos músicos máis coñecidos do panorama galego: Xabier Díaz. Xunto ás Adufeiras de Salitre, porá o broche de ouro as máis de 50 actividades previstas.