
A Concellería de Educación do Carballiño puxo en marcha un expurgo na Biblioteca Municipal, unha actuación técnica que busca liberar espazo, actualizar o fondo dispoñible e mellorar o acceso ao público. Actualmente, o centro conta con máis de 25.000 exemplares, aínda que boa parte deles se atopa en lugares pouco axeitados para a súa conservación.
“Cremos que este expurgo é fundamental para empezar a darlle á Biblioteca do Carballiño o impulso que merece”, sinala Lorena Castro, concelleira de Educación, quen lembra que hai unha década que non se realizaba un proceso semellante.
O traballo, que se prolongará durante tres meses, inclúe a revisión e catalogación previa dos materiais, o rexistro das baixas documentadas, a consulta á Xunta cando o esixa a Lei de Patrimonio Documental de Galicia, e o tratamento final dos volumes, que poderá ser de reciclaxe, doazón ou destrución controlada.
A edil explica que o obxectivo non é só gañar espazo e mellorar a organización dos fondos, senón tamén facer a biblioteca máis accesible, optimizar recursos e protexer o patrimonio bibliográfico máis relevante. A análise previa revelou a existencia de materiais pouco consultados, enciclopedias e atlas desfasados, así como duplicados e publicacións xurídicas de escaso interese para a cidadanía.
Con esta actuación, o Concello pretende axustar o tamaño do fondo á realidade da poboación do Carballiño, moito menor que o volume actual de exemplares, e reorganizar a colección segundo criterios técnicos e de uso real. “Deste xeito reafirmamos o compromiso da Biblioteca coa mellora continuada do servizo para satisfacer as necesidades dos seus usuarios e usuarias”, conclúe Castro.