
A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense quere pronunciarse sobre o caso de presunto acoso na provincia de Lugo, precisamente agora e non antes, inmediatamente despois da reunión celebrada hoxe pola Executiva Galega do partido en Santiago de Compostela e o comunicado ulterior do secretario xeral do Partido en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro.
As informacións publicadas nas últimas horas causáronnos a todas e todos fonda tristura, acentuada indignación e inevitable repugnancia. Como organización feminista, comprometida e valente, a nosa primeira palabra é para as vítimas. Queremos que saiban que teñen o noso afecto, o noso respaldo e a nosa solidariedade. No Partido Socialista, defender ás mulleres fronte a calquera forma de violencia non é unha consigna: é unha convicción que nos define. Caia quen caia. Sen excepcións. Sen fisuras. Tolerancia cero fronte ao acoso e a violencia machista baixo calquera das súas formas.
Desde esta Secretaria Provincial comprendemos e respectamos os tempos institucionais que marcou a dirección galega do partido. Non se pode ir por libre nestas circunstancias. A coordinación orgánica resulta fundamental para garantir que todos os mecanismos funcionen correctamente e que se respectan os dereitos de todas as persoas implicadas. Por iso, agardamos á reunión da Executiva Galega para pronunciarnos, seguindo sempre as directrices que marca a dirección do PSdeG-PSOE en Galicia e cumprindo cos procedementos establecidos que garanten a seriedade e o rigor que require unha situación desta gravidade.
José Tomé xa non forma parte do Partido Socialista despois de solicitar a súa suspensión de militancia e anunciar a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo e o abandono dos grupos socialistas na corporación provincial e no concello de Monforte de Lemos. Era o que debía facer. Era o que tiña que facer. E é tamén o que lle esiximos neste partido, xunto á entrega das actas. O PSdeG-PSOE non entende a exemplaridade como un xesto retórico, senón como unha obriga ética que debe traducirse en accións concretas e inmediatas cando as circunstancias así o esixen.
Expresamos o noso respecto absoluto ás vítimas e ao traballo do Órgano contra o Acoso do PSdeG-PSOE, que actuou, actúa e actuará con independencia, fornecendo garantías totais. O protocolo baséase no anonimato absoluto precisamente para que as mulleres se sintan seguras á hora de denunciar e para garantir os seus dereitos en todo momento. Por iso, confiamos plenamente nos procedementos establecidos e no traballo que se está a desenvolver con todo o rigor que esixe unha situación desta natureza.
Nesta organización somos conscientes de que só defendendo sen medo a dignidade das mulleres estaremos á altura da nosa historia. Tamén sabemos que nestes momentos difíciles é cando un partido se retrata. Hoxe, igual que onte e como será sempre, situámonos do lado das vítimas e animamos a denunciar calquera conduta machista, veña de quen veña. A defensa dos dereitos das mulleres non é para nós unha postura de circunstancias, senón unha convicción que forma parte da nosa identidade política e do noso compromiso histórico coa igualdade e a xustiza social.
Este partido non cala, non se agocha e non se amedrenta. Defendemos a igualdade porque é a razón mesma da nosa existencia, porque é o que somos e porque representa o mellor da nosa tradición política. Os valores que nos definen como organización feminista e comprometida non se negocian nin se cuestionan en ningún momento. Por iso, seguiremos avanzando, xuntas e xuntos, na defensa firme e sen concesións destes principios que nos guían e nos dan sentido como partido e que constitúen a base sobre a que construímos o noso proxecto político de transformación social.






