
A Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa igualdade de oportunidades, o deporte base e a cohesión territorial co reforzo do programa EsquiOU, que este ano alcanza unha cifra récord de 1.050 prazas, distribuídas en dez quendas de tres días e dúas noites. Precisamente, á vista de que foron superadas todas as expectativas pese ao aumento de capacidade, o presidente provincial, Luis Menor, anunciou que a institución provincial está a estudar o aumento de prazas para este programa dirixido aos colexios.
Durante a visita á quenda correspondente á comarca de Valdeorras, o presidente da Deputación, Luis Menor, puxo en valor en valor a consolidación dun programa que cada edición esgota as prazas en apenas uns días, converténdose nunha das iniciativas máis queridas e agardadas polas familias ourensás. Na súa visita estivo acompañado polo deputado provincial Xosé Miguel Pérez Blecua; polo director da estación, Víctor Manuel Picos; e polo asesor de Deportes da Deputación, Diego Enrique Álvarez.
Menor explicou que a institución provincial destina este ano 102.000 euros, o que supón un incremento do 45 % respecto a edicións anteriores, unha decisión adoptada tras detectar unha demanda crecente por parte das familias. «Cando unha política funciona, o que hai que facer é reforzala», manifestou o presidente provincial.
Cada quenda conta con arredor de 105 rapaces e rapazas procedentes de todas as comarcas da provincia, garantindo o carácter verdadeiramente provincial do programa. EsquiOU está dirixido a nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2017, asegurando que toda unha xeración poida acceder á mesma experiencia independentemente do seu lugar de residencia
Ademais, cada quenda reserva cinco prazas para menores en situación de inclusión especial, incluíndo discapacidade auditiva, visual, TEA, síndrome de Down ou outras condicións que requiran apoio específico, reafirmando o compromiso da Deputación cun deporte e lecer sen barreiras
Un programa flexible
O programa desenvólvese na única estación de esquí de Galicia, a Estación de Montaña de Manzaneda, que conta con 23 pistas homologadas, snow park e escola de esquí con profesionais acreditados
Co obxectivo de garantir a experiencia con independencia das condicións meteorolóxicas, EsquiOU inclúe un plan alternativo de actividades no caso de ausencia de neve, con formación teórica de esquí, tenis, pickleball, tiro con arco, piscina climatizada, rocódromo, multiaventura, orientación e veladas nocturnas
Nas últimas edicións, todos os participantes puideron practicar esquí ou realizar actividades alternativas equivalentes, asegurando así o aproveitamento do investimento público.
Colaboración institucional e apoio ás familias
O programa é posible grazas á colaboración entre a Deputación de Ourense e a Estación de Montaña de Manzaneda, a través dun convenio formal de cofinanciamento
Cada participante achega unha cota simbólica máxima de 30 euros, estando o resto do custo subvencionado pola institución provincial, nun modelo que combina apoio directo ás familias, impulso ao deporte base, dinamización económica da estación e vertebración territorial.
A Deputación de Ourense continúa así «apostando por programas que constrúen oportunidades desde a infancia e fortalecen a identidade provincial a través do deporte, a convivencia e a igualdade de oportunidades», tal e como sinalou Luis Menor.






