A Deputación de Ourense aprobou un orzamento de 105,1 millóns de euros para o 2025

Luis Menor en la Diputación
Luis Menor en la Diputación

A corporación provincial, no pleno celebrado esta mañá correspondente ao mes de novembro, aprobou a proposta de orzamentos da Deputación de Ourense para 2025 que alcanza a cifra de 105,1 millóns de euros, un 9,42 % máis que no presente exercicio, o que supón un aumento de 9.050.000 euros.

No proxecto económico destaca a suba do 91,76 % reflectida no capítulo de investimentos, unha partida dotada con case 9,9 M€ (9.885.921,73) e que experimenta un aumento de 4,73 M€, case o dobre que no presente ano. Cun peso do 9,41 % no cómputo global dos orzamentos, o capítulo de inversións recolle partidas como augas e medio ambiente, con 3,2 M€; vías provinciais con 4,5 M€ (neste exercicio era de 1,5 M€); 680.000 euros para o parque móbil e de maquinaria; e 756.000 para cultura e deporte.

Outro dato destacado dos orzamentos refírese á dotación íntegra do Plan CooperOU para o conxunto do próximo ano: 18 millóns de euros, dos que 10,8 proceden de transferencias correntes e o resto, 7,2 millóns de transferencias de capital.

Por capítulos, en materia de gasto corrente, bens e servizos para o funcionamento da entidade, os orzamentos terán unha partida de case 25,8 M€ (25.798.370,58 €), un 10,79 % máis e un 24,40 % sobre o total do orzamento. Compre citar os preto de 8 M€ para Medio Ambiente; 4,18 M€ en Vías e Obras, parque maquinaria e cooperación; 3,3 M€ para Cultura; 1,2 a Benestar e case 1 millón en Deportes.

Para transferencias correntes consígnanse 21,7 millóns (21.746.707,69 €), un 3,28 % máis e un peso no conxunto do orzamento do 20,69 %. Entre as partidas máis importantes figuran os 3 M€ destinados aos GES e o Consorcio contra Incendios e de Salvamento; 2,4 M€ para o Inorde; 2,3 M€ para acción social con concellos (SAF) e entidades; e 1,16 M€ para fomento do deporte, ademais dos 10,8 M€ xa citados para o Plan CooperOU.

Para transferencias de capital, a totalidade dos recursos (7.240.000 €), están destinados como xa se sinalou ao Plan CooperOU.

O capítulo de persoal ten unha partida de 39,8 M€ (39.829.000 €), cun peso do 37,90 % sobre o conxunto dos orzamentos, cun aumento de 1,3 M€ (3,45 %), motivado fundamentalmente pola aplicación das actualizacións salariais dos empregados públicos aprobada polo goberno central.

Bases do Plan CooperOU

Na sesión de hoxe foron aprobadas tamén as bases de execución do Plan provincial de Cooperación, o Plan CooperOU, dotado con 17.958.889,10 euros. Esta cantidade aumenta ata os 18 millóns coa achega de 66.110,87 euros para a entidade local menor de Berán.

Para a distribución desta cantidade entre os concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes mantéñense os mesmos criterios que no plan do ano en curso.

Así, consta una parte fixa, dotada con 8.980.000 euros, cuxo reparto baséase no número de habitantes de cada concello (ata 1.000, 5.000, 10.000 e 20.000), con cantidades que oscilan entre os 90.000 e os 120.000 euros. O segundo criterio de repartición establece unha parte variable, dotada con 8.978.889,13 euros, en base á poboación (que conta nun 50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie (15 %).

Un 40 % da achega provincial, «como mínimo», destinarase a investimentos reais, preferentemente os necesarios para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios. O 60 % restante, como máximo, poderá destinarse a gasto corrente ou amortización de débeda. Con carácter excepcional poderase dedicar o 100 % ao programa de gasto corrente e amortización de débeda nos supostos de insuficiencia financeira manifesta.

Tamén se permitirá incluír en ambos programas -investimento e gasto- actuacións que teñan un importe superior aos fondos provinciais recibidos en cada concello, sempre e cando a entidade local achegue o financiamento complementario.

Como novidade en 2025 incorpóranse ao plan unha serie de obrigas para dar a adecuada difusión ao financiamento por parte da Deputación das actuacións subvencionadas, fixando as accións a desenvolver en materia de publicidade e comunicación segundo se trate de investimentos ou de gastos corrente e amortización de débeda.

1,2 millóns para financiar maquinaria na loita contra incendios

O pleno aprobou tamén a modificación das bases de execución do vixente orzamento, cambio que non afecta cuantitativamente ao documento, co fin de detallar a distribución dunha partida de 1,2 millóns de euros entre doce concellos, a razón de 100.000 euros para cada un deles, en concepto de financiamento para á adquisición de tractores e apeiros para a prevención de lumes forestais, no marco do convenio asinado coa Consellería de Medio Rural. Os concellos beneficiarios son Beariz, O Barco de Valdeorras, Os Blancos, Cenlle, Laza, Lobios, Montederramo, Ribadavia, Sandiás, Vilamarín,  e as mancomunidades de Terra de Celanova e Verín.

Servizo de recollida de animais e xestión do ciclo da auga

Entre os asuntos da orde do día figuraban dous programas de cooperación cos concellos para 2025. No referido ao servizo de recollida de animais abandonados mantéñense as mesmas prestacións que este ano, así como tamén a taxa que pagan os concellos por este servizo (1 euro por habitante), de tal modo que a Deputación de Ourense financia o 75 % dos custos e os concellos o 25 restante.

O segundo programa corresponde á xestión dos servizos municipais do ciclo da auga, que para o próximo ano incorpora como novas accións unha serie de analíticas que os concellos teñen a obriga de realizar, a medida que se vai implantando a nova normativa sobre a calidade de augas para consumo.

Compromiso contra a violencia de xénero

Na sesión de hoxe informouse do acordo da Xunta de Portavoces polo que a Deputación de Ourense adhírese ás declaracións institucionais da FEMP e da FEGAMP con motivo do Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres, reforzando o compromiso de loita contra a violencia machista e promovendo máis coordinación entre as administracións para un apoio integral e especializado, ademais de facer un chamamento  para que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres.

Sinalar tamén que con motivo das festas de Nadal modificouse a data da sesión do pleno ordinario de decembro, que se celebrará o día 20, pasando as comisión ao xoves día 12.

Proposición de medidas contra o risco de inundacións

No apartado de proposicións, o pleno aprobou unha moción sobre a adopción de medidas urxentes contra o risco de inundacións na provincia. Os acordos foron os seguintes:

1º.- Que a Deputación de Ourense active de xeito efectivo e inmediato o Plan EmergOU nos termos manifestados na xunta de goberno do 23 de xaneiro de 2023, incluíndo acaídos mecanismos de información, prevención e formación dirixidos tanto a concellos como a veciñanza, tomando en consideración o recente Plan especial de protección civil ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal) elaborado pola Xunta.

2º.- Que a Deputación de Ourense se implique activamente e colabore cos concellos ourensáns de risco «medio-baixo» de inundacións que aínda non dispoñan dun plan de actuación contra inundacións para a urxente elaboración e aprobación do devandito documento, habilitando a partida necesaria e suficiente na 1ª modificación de crédito do orzamento 2025 para financiar os plans dos concellos que o soliciten.

3º.- Solicitar da Xunta de Galicia, nomeadamente da Consellería de Presidencia a súa implicación económica e técnica para a redacción dos Plans de Risco de Inundación Municipal nos concellos ourensáns, así como para o desenvolvemento destes a través da posta en marcha de programas e cursos formativos para o persoal dos distintos niveis de intervención en emerxencias a través da Academia Galega de Seguridade pública.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad