O PSdeG da Merca leva ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas un pagamento de 200.000 euros entre Concello e Deputación

Casa Do Concello de A Merca
Casa Do Concello de A Merca

O PSdeG-PSOE da Merca vén de pór en coñecemento do Tribunal de Contas e do Consello de Contas de Galicia unha serie de feitos que, ao seu xuízo, poderían ser constitutivos de irregularidades contables e de incumprimentos da normativa de contratación pública relacionados coa execución e posterior pagamento dunha obra por importe de 200.000 euros.

O voceiro socialista no concello da Merca, Carlos Sousa, rexistrou esta mesma mañá a denuncia ante os órganos fiscalizadores, achegando documentación oficial do concello e da Deputación Provincial de Ourense e solicitando que se investiguen os feitos e, de ser o caso, se depuren as responsabilidades contables e patrimoniais que puidesen corresponder.

O expediente remitido polo PSdeG-PSOE da Merca céntrase no pagamento dunha factura vinculada ao monumento denominado «Estatua Libertad Miguel Ángel Blanco», por importe de 200.000 euros.

Unha obra executada sen expediente administrativo

Segundo a documentación que acompaña a denuncia socialista, o propio concello da Merca certificou a inexistencia dun expediente administrativo, proxecto ou contrato que dese cobertura á execución da devandita obra. Ao mesmo tempo, segundo sinalan as e os socialistas, consta que o concello adquiriu a parcela na que se sitúa o monumento e empregou medios e persoal municipal para as actuacións na contorna.

Para as e os socialistas, estes feitos «evidencian a execución dunha actuación de carácter público sen que previamente existise o correspondente expediente administrativo e contractual». Unha situación que consideran «especialmente grave» pola contía económica da actuación.

A factura orixinal emitida en setembro de 2023 a nome do concello da Merca non foi finalmente aboada pola administración municipal ao non contar, segundo a documentación achegada, co soporte administrativo necesario.

A Deputación asumiu posteriormente o pagamento

O PSdeG-PSOE da Merca pon o foco tamén no feito de que, posteriormente, en abril de 2024, o mesmo provedor emitise unha nova factura polo mesmo importe nome da Deputación Provincial de Ourense. Esta factura foi incluída nun expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos mediante o que a institución provincial procedeu ao seu pagamento.

O voceiro socialista considera especialmente relevante que o expediente de pagamento «estivese acompañado dun informe da intervención xeral da Deputación no que se advertía da existencia de causas de nulidade de pleno dereito, derivadas do incumprimento da normativa de contratación pública».

As e os socialistas reclaman agora que os órganos fiscalizadores analicen se o procedemento empregado pola Deputación podía dar cobertura ao pagamento dunha actuación que, segundo a documentación, carecía da correspondente tramitación administrativa de orixe.

Carlos Sousa: «Non cuestionamos a homenaxe, cuestionamos a forma de facer as cousas»

O voceiro do PSdeG-PSOE na Merca, Carlos Sousa, subliña que a súa formación non cuestiona a finalidade da homenaxe ás vítimas do terrorismo, senón o procedemento seguido para executar e financiar unha actuación de 200.000 euros. «É un deber democrático ineludible honrar a memoria das vítimas do terrorismo. De feito, o noso propio grupo tería votado a favor desta iniciativa, aínda que poderiamos debater o seu custo, xa que 200.000 euros supoñen arredor do 15% do orzamento nun municipio con tantas carencias».

Sousa considera especialmente preocupante que unha actuación destas características se executase, segundo a documentación achegada, sen o correspondente expediente administrativo. «Precisamente por iso resulta profundamente triste constatar que nin sequera ante unha homenaxe desta natureza se frease á hora de cumprir as leis. O que cuestionamos non é a homenaxe, senón a maneira na que se decidiu facer e pagar», apunta.

O voceiro socialista critica tamén que, ante a falta de cobertura administrativa para o pagamento por parte do Concello, a factura acabase sendo asumida pola Deputación. «Executouse unha obra sen o expediente necesario no concello e posteriormente a Deputación asumiu o pagamento mediante un recoñecemento extraxudicial de créditos, malia as advertencias realizadas pola Intervención. Cando existen dúbidas tan importantes sobre a legalidade dun procedemento e sobre o uso de fondos públicos, o que corresponde é aclaralas», denuncia.

Carlos Sousa sinala que o grupo municipal socialista decidiu acudir aos órganos de fiscalización ante a falta, ao seu entender, de información e explicacións suficientes. «Pedimos acceso á documentación, solicitamos explicacións e reclamamos que se revisasen os actos. Ante a falta de respostas satisfactorias, consideramos que o correcto é poñer os feitos en coñecemento dos órganos que teñen competencias para fiscalizar o uso dos fondos públicos», subliña.

O papel de Rosendo Luís Fernández

A denuncia tamén fai referencia á tramitación inicial dunha subvención destinada a financiar a actuación e ao papel desempeñado nese procedemento por Rosendo Luis Fernández, que daquela compatibilizaba a súa condición de deputado provincial coa de concelleiro do goberno municipal da Merca. O escrito tamén pon o foco no intento inicial de financiar a obra mediante unha «subvención fantasma», que foi tramitada en 2023 e posteriormente arquivada por falta de licencias. A mesma foi incoada persoalmente por Rosendo Luís Fernández, o que en palabras das e dos socialistas «supón un evidente conflito de intereses ao ser simultaneamente deputado provincial e concelleiro do goberno local».

Segundo o PSdeG-PSOE, esta circunstancia debe ser analizada á luz das obrigas legais de abstención aplicables aos cargos públicos cando concorren circunstancias que poidan afectar á súa imparcialidade. As e os socialistas sinalan, ademais, que aquel procedemento de subvención acabou sendo arquivado, entre outras cuestións, pola falta das autorizacións e licenzas necesarias.

Carlos Sousa apunta asemade que «desta omisión presuntamente do deber legal de abstención de Rosendo Fernández, evidénciase un interese persoal directo en inxectar fondos para salvar ao seu goberno local das responsabilidades patrimoniais dunha obra executada pola vía do feito». Trala denuncia, a secretaría xeral da Deputación emitiu un informe xustificando dita non abstención «baixo o pretexto dun interese meramente xudicial, ignorando o risco do patrimonio persoal que o deputado eludía coa súa firma, e denegando expresamente a revisión de oficio dos actos ditados», destaca Sousa.

O PSdeG-PSOE da Merca agarda agora que o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia analicen a documentación achegada e determinen se existen responsabilidades contables ou patrimoniais derivadas dos feitos denunciados.

O Grupo Municipal Socialista sinala, finalmente, que se reserva o exercicio das accións legais que puidesen corresponder, incluídas as de natureza penal, en función das conclusións ás que cheguen as investigacións e da eventual aparición de novos elementos durante a súa tramitación.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad