
Comunicado de Daniel Rey sobre el Concello de Barbadás
Boas tardes a todas e a todos, veciños e veciñas.
Quero facer este comunicado para explicar a situación actual derivada da miña dimisión como tenente de alcalde e concelleiro delegado no Goberno do Concello de Barbadás.
Como ben se sinala na nota de prensa publicada polo meu partido, Democracia Ourensana, a situación política actual, tanto na Deputación como no Concello de Barbadás, vén determinada pola aritmética política.
En decembro de 2025, eu, como concelleiro de Democracia Ourensana e seguindo a vontade maioritaria do meu partido, decidín permanecer no Goberno municipal apoiando o alcalde de Barbadás. Fun nomeado tenente de alcalde e asumín a responsabilidade de numerosas áreas de xestión.
Se naquel momento eu non permanecese no Goberno de Barbadás, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, tería perdido o apoio necesario para continuar á fronte do Goberno municipal. Por coherencia política, entendemos daquela que non correspondía abandonar o alcalde por unha acusación pública que nin sequera fora xudicializada e sobre a que, polo tanto, non existía condena ningunha.
Porén, o apoio que Democracia Ourensana lle brindou a Xosé Carlos Valcárcel non tivo posteriormente correspondencia, en 2026, na Deputación Provincial. Alí, Xosé Carlos Valcárcel, na súa condición de deputado provincial non adscrito e sendo o seu voto decisivo, non consensuaba as súas decisións co grupo provincial de Democracia Ourensana, o partido que lle prestara o seu apoio para que puidese continuar como alcalde de Barbadás.
Esta discrepancia levou finalmente o meu partido, nunha decisión consensuada comigo, a considerar que debía retirar, polo momento, o meu apoio ao alcalde de Barbadás. Esa é a situación que agora mesmo estamos intentando reconducir.
Quero deixar claro, por riba de calquera outra consideración, que o noso interese primordial é garantir a gobernabilidade deste concello e a súa estabilidade política. Por iso quero trasladar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza. Estamos traballando para reconducir esta situación e para que poidan levarse a cabo todos eses proxectos que xa temos aprobados e que teñen como finalidade facer de Barbadás un lugar mellor para todas e para todos.
O meu compromiso con este concello é total.
Levo 23 anos traballando nesta casa. Comecei en agosto de 2003 como traballador municipal; posteriormente, como funcionario; e, desde as eleccións municipais de 2023, como concelleiro do grupo de goberno, exercendo durante os últimos nove meses como tenente de alcalde.
E precisamente estes últimos nove meses foron especialmente intensos. A realidade dun Goberno municipal formado por tan só tres concelleiros obrigounos a asumir unha enorme responsabilidade e a multiplicar os esforzos para atender numerosas áreas de xestión.
Pola miña parte, afrontei esa responsabilidade con dedicación, con moitas horas de traballo e tratando de estar presente alí onde era necesario. Fixen todo o posible por sacar adiante asuntos, resolver problemas e impulsar proxectos, asumindo unha carga de traballo moi importante porque entendía, e sigo entendendo, que esa era a responsabilidade que adquirira coa veciñanza de Barbadás.
Houbo moito traballo que se viu e tamén moito que non se viu. Pero detrás de cada decisión, de cada actuación e de cada proxecto houbo dedicación, esforzo e vontade de mellorar o noso concello.
Ese compromiso cos meus veciños e veciñas segue intacto.
E precisamente por iso quero responder tamén ás acusacións dalgúns concelleiros que, de maneira demagóxica e populista, pretenden converter esta situación nunha oportunidade política para medrar e que me acusan de buscar un “sillón” para acomodarme.
Quero deixar algo moi claro: se o que quixese fose un sillón, non tería presentado a miña dimisión. Podería ter permanecido como tenente de alcalde á marxe da disciplina de Democracia Ourensana.
Pero considero que un debe ser coherente. Cando unha persoa se presenta ante a cidadanía integrada nun proxecto e baixo as siglas dun partido político —como fixen eu nas eleccións municipais de 2023 baixo as siglas de Democracia Ourensana—, esa coherencia lévame a seguir apoiando ese proxecto, independentemente do que poida acontecer no futuro.
Non se pode dicir o mesmo dalgúns dos que agora me atribúen esas pretensións. Presentáronse nunha candidatura do Partido Popular e, posteriormente, decidiron abandonar o seu grupo e pasar á condición de concelleiros non adscritos. Hoxe continúan ocupando dúas actas de concelleiro obtidas nunha candidatura presentada baixo as siglas do Partido Popular, malia teren abandonado posteriormente ese grupo político.
Por iso quero volver apelar á responsabilidade e deixar moi claro que a miña principal preocupación neste momento non é persoal. É conseguir que esta situación se recompoña, recuperar a estabilidade necesaria e que o Concello poida continuar traballando e sacando adiante os proxectos que Barbadás necesita.
Nesa dirección está traballando tamén o alcalde de Barbadás e está traballando igualmente o meu partido.
Espero que entendades que estas decisións, aínda que ás veces poidan resultar difíciles de comprender, responden á necesidade de manter a coherencia política e de actuar con responsabilidade.
Pola miña parte, seguirei mantendo o mesmo compromiso que tiven durante todos estes anos con este concello e coa súa veciñanza.
Porque os cargos cambian e as circunstancias políticas tamén poden cambiar, pero o meu compromiso con Barbadás permanece.






