Punxín será o único concello da provincia que gasta 0 euros das axudas aos municipios incluidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero

Punxín

O PSdeG-PSOE denuncia que o Concello de Punxín será o único da provincia de Ourense que, no ano 2022, non recibirá fondo algún do Ministerio de Igualdade para o desenvolvemento das actividades e accións incluídas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero –subscrito por todos os grupos políticos a excepción de Vox– xa que, no 2021, non empregou nin un só euro do importe concedido para ese exercicio.

As e os socialistas de Punxín recordan que estes fondos están destinados aos ámbitos de sensibilización e prevención, así como axuda e protección das vítimas de violencia de xénero, actividades de vital importancia que deben desenvolver as entidades locais. Concretamente, deben servir para «mellorar a resposta ás mulleres vítimas e ás súas fillas e fillos menores a través da atención, información, asesoramento, asistencia social integral, aloxamento e recuperación».

Segundo salienta a voceira, Lorena Peleteiro, «parece que o goberno local vive completamente alleo a esta lacra que afecta a toda a sociedade e, por suposto, tamén á veciñanza de Punxín», unha actitude «vergoñenta». Desde o PSdeG-PSOE deste municipio denuncian que executivo local –formado polo PP e un concelleiro non adscrito– «deixou escapar 1.647,52 euros que perfectamente se puideron ter investido no noso municipio» sobre todo cando, insisten, «estamos a falar dun tema tan relevante  como é a sensibilización, formación e prevención ante a violencia de xénero».

«A violencia contra as mulleres, ademais de ser unha vulneración dos seus dereitos fundamentais, tamén é a expresión máis cruel da discriminación e das situacións de desigualdade», advirten desde o PSOE polo que «aínda se entende menos que o PP e o edil non adscrito amosen un desprezo e unha insensibilidade tan grande contra esta discriminación».

«Así amosa o grupo de goberno de Punxín o seu compromiso coas mulleres e os seus fillos e fillas menores e contra a violencia de xénero, convertendo ao noso municipio nun referente dentro da provincia, pero nun referente absolutamente negativo unha vez máis», asevera Peleteiro antes de concluír recordando que «cada vez temos máis claro que a nosa veciñanza merece un equipo de goberno moito mellor, con capacidade dabondo para xestionar os recursos de todas e todos da forma máis eficiente».

O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ademais de medidas xerais para todas as administracións públicas, inclúe accións específicas para as entidades locais. Para promover a súa realización a este nivel administrativo, contempla un compromiso económico consistente en que os orzamentos xerais do Estado destinen, vía transferencias aos concellos, un fondo anual de vinte millóns de euros, co fin de garantir a efectividade do conxunto de medidas a todos os niveis.

Pin It on Pinterest

Ir arriba
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad