O Partido Popular reclama vía emendas, 74,2 millóns de euros máis para Ourense nos orzamentos xerais do Estado de 2023

Tren AVE en estación de Ourense

Os deputados do Partido Popular de Ourense no Congreso, Ana Vázquez, e Celso Delgado, deron a coñecer este domingo o contido das 30 emendas presentadas contra os orzamentos xerais do Estado para 2023 destinados á provincia, e que supoñen un incremento de 74,2 millóns de euros “para corrixir o agravio e o trato discriminatorio para con Ourense do Goberno de Pedro Sánchez”.

Van na procura dun maior investimento na provincia, onde o Goberno central só consignou no proxecto de contas de 2023, a suma de 194,46 millóns de euros, notoriamente inferiores aos 414,72 millóns dos orzamentos de 2018 aprobados polo Goberno de Mariano Rajoy.

Un paquete de medidas que forman parte das máis de 2.300 emendas parciais que o grupo parlamentario popular rexistrou aos orzamentos xerais e que “van na dirección que necesita España para a súa reactivación económica”, segundo resaltaron os deputados populares.

Celso Delgado e Ana Vázquez detallaron as emendas que se citan a continuación.

ESTRADAS: 11.700.000 €

En referencia ao tramos da autovía A-56 (Ourense-Lugo) rexistráronse emendas para Quintela-A Casilla (2.000.000 €) xa que este proxecto está pendente de que se ultime a preceptiva supervisión para a súa aprobación neste mesmo ano pola Dirección General de Carreteras do MITMA, de modo que podería ser obxecto de licitación en 2023 se existira vontade política. E para o tramo A Casilla-Cambeo-Sanmartiño (2.000.000 €). A súa construción é, destacan os populares, fundamental para darlle funcionalidade ao tramo San Martiño-A Barrela norte, aberta ao tráfico desde setembro.

Sobre a autovía A-76 (Ourense-Ponferrada), ante o “descarado agravio” que supón que o tramo máis avanzado administrativamente, A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras, reciba unha “ridícula consignación de 500.000 euros”, os populares rexistraron unha emenda de 2,5 millóns para aumentar a súa dotación ata os 3 millóns de euros e así posibilitar a licitación destas ansiadas obras na comarca de Valdeorras.

Tamén se presentou outra emenda de 500.000 € para o seguinte tramo, A Veiga de Cascallá-Requejo (León).

Observando ademais que no proxecto orzamentario socialista non figura ningunha consignación específica para a mellora da seguridade viaria na intersección de Ribela (Coles) na N-525, rexistrouse unha emenda de 500.000 € para posibilitar a licitación das obras. E igualmente, ante a ausencia de consignación para a remodelación do enlace da Rúa na N-120, presentouse outra emenda por importe de 500.000 €. Tamén outra emenda de 200.000 € para o proxecto de enlace e reordenación de accesos da N-120 en Vilamartín de Valdeorras.

Os populares presentaron tamén unha emenda por importe de 500.000 € para o proxecto de carrís de adiantamento entre Os Peares e Ourense, “unha actuación que contribuiría a solucionar os problemas xerados polas liñas continuas que impiden os adiantamentos durante máis de vinte e dous quilómetros”.

Outra emenda por importe de 3 millóns para incrementar a dotación para a conservación ordinaria e vialidade, rehabilitación e melloras da rede de estradas do Estado na provincia de Ourense, “xa que a dotación orzamentada para 2023 (9,8 millóns) é insuficiente para cubrir as necesidades existentes”, segundo recalcan os deputados ourensáns.

FERROCARRIL: 54.278.000 €.

Emenda por importe de 500.000 € para que a Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria estude a creación dunha estación ferroviaria de mercadorías no polígono industrial de San Cibrao das Viñas. Cómpre lembrar que o 10 de maio de 2021, na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Congreso, foi aprobada unha Proposición Non de Lei do grupo popular para impulsar a creación desta estación ferroviaria.

Os deputados rexistraron emendas por importe de 10,5 millóns de euros para incrementar a dotación orzamentaria de ADIF de 7 millóns de euros para o epígrafes Corredores “TEN-T” de ADIF na provincia de Ourense.

Tamén outra emenda para incrementar en 300.000 € a dotación de ADIF para a renovación do corredor Monforte-Covas.

Ademais, unha emenda de 300.000 € para que ADIF manteña e mellore as estacións ferroviarias da rede convencional de Ourense, principalmente as do Barco de Valdeorras, A Rúa-Petín, O Carballiño e Ribadavia, xa que a dotación prevista nos OXE de 2002 e de tan só 24.000 €.

Os populares tamén presentaron unha emenda de 589.000 euros que permita executar as obras do paso inferior na rúa Ramón Puga e do paso superior na Rúa Tarascón, para as que ADIF non consignou nada.

Ante a ausencia dunha partida concreta para as actuacións pendentes de realizar por ADIF-AV na estación de alta velocidade de Ourense solicítanse 15 millóns de euros. Nos OXE de 2023 hai unha ausencia de consignacións expresas para as obras pendentes de executar por ADIF-AV: o crecemento do edificio de viaxeiros, as escaleiras mecánicas, as pasarelas previstas sobre as vías, a praza exterior, as actuacións de permeabilidade entre os dous barrios, etc. Seguen sen licitarse estas obras despois de incumprir tres prazos: xullo de 2019, decembro de 2021 e primeiro semestre de 2022.

Para a Variante exterior de Ourense presentan unha emenda de 13,21 M€. Nos orzamentos estatais de 2022 consignouse para esta variante a suma de 22,713 millóns de euros, pero o certo é que ADIF-AV prevé de que só se gasten 9,5 millóns, quedando sen executar 13,213 millóns de euros. Nos orzamentos de 2023, ADIF AV prevé para os tramos en obras entre Taboadela-Túnel de Rante-Seixalbo 25,516 millóns de euros. Pero non aparece partida algunha que posibilite a licitación en 2023 das obras dos tramos pendentes da variante exterior: Seixalbo-Túnel de Montealegre e Túnel de Montealegre-Estación de Ourense.

Outra emenda refírese aos proxectos do AVE Ourense-Vigo por importe de 1 millón de euros.

Finalmente, e para o impulso de infraestruturas no Corredor Atlántico Noroeste, que inclúe a conexión ferroviaria Venta de Baños-Palencia-León-Astorga-Monforte-Ourense-Vigo-A Coruña, co obxectivo de “incrementar o potencial industrial, a eficiencia loxística e fomentar unha mobilidade máis sostible”, pídese que se inclúan actuacións ferroviarias en Galicia por importe de 50 millóns de euros dos que a cuarta parte, 12,5 millóns, se imputarían a Ourense.

TRANSICIÓN ECOLÓXICA E RETO DEMOGRÁFICO: 7.321,690 €

Para saneamento e depuración de augas na demarcación ourensá da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, os populares presentan unha emenda por importe de 3.867.090 euros, coa finalidade de dotar unha partida que agora non existe.

Para dotar o Plan Crece, unha emenda de 1,87 M€.

Os deputados populares no Congreso tamén presentaron una emenda de 1 M€ para incrementar a dotación para a nova sede central da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que segue sen materializarse. “Levamos máis de catro años sen que o organismo de conca atope o solar ou edificio con características que se adapten as necesidades reais requeridas e que sexa idóneo en localización, superficie, prezo e accesibilidade”, segundo resaltan.

E para a segunda fase do paseo do Río Badella en Bande demándase unha dotación de 280.000 €.

INTERIOR: 950.000 €

Atendendo ás demandas formuladas polos representantes da provincia reclámase a creación dunha Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia da Garda Civil (USECIC) en Ourense, a través dunha emenda de 200.000 €.

Para as obras de mellora nos cuarteis da Garda Civil na provincia de Ourense pídese nunha emenda a consignación de 300.000 €,.

Outra emenda recolle a necesidade de realizar melloras na comisaría provincial de Ourense: 450.000 €, para novos vehículos e equipamento para a investigación de delitos telemáticos.

OUTRAS EMENDAS QUE AFECTAN Á PROVINCIA

Investimentos para a conservación do medio natural con afectación ás Reservas da Biosfera (Xurés-Allariz) e da Ribeira Sacra por importe de 300.000 €.

Bonificacións de peaxes na AP-53. Ante a ausencia de consignación, os deputados populares presentan unha emenda de 2 millóns de euros, atendendo á aprobación unánime no Parlamento de Galicia o 29 de setembro de 2021 dunha Proposición non de Lei do Grupo Popular, pola que se demanda ao Goberno central que implante bonificacións nas peaxes da AP-53 (comeza na AP-9 en Santiago de Compostela e finaliza na N-525, cerca de Dozón-Alto de Santo Domingo), a máis cara de Galicia e unha das 20 máis caras de toda España. Unha estrada que é moi utilizada de xeito diario polos ourensáns.

Pin It on Pinterest

Ir arriba
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad