
O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense denuncia as «graves contradicións» entre as manifestacións públicas do goberno provincial sobre o Museo de Antropoloxía de Castro Caldelas e a documentación oficial que obra en poder da propia corporación. Os socialistas cualifican de «inadmisible» e «extremadamente grave» que o presidente Luís Menor cuestionase publicamente no pleno de setembro a credibilidade das afirmacións do etnógrafo e editor Olegario Sotelo Blanco sobre a cesión da súa colección ao museo, cando a documentación oficial demostra de xeito irrefutable que o caldelao ten toda a razón.
O caso remóntase ao 23 de setembro de 2025, cando o Grupo Provincial Socialista rexistrou unha pregunta sobre o estado do proxecto a raíz dunha información publicada por El País na que Sotelo Blanco denunciaba o «secuestro» da súa colección etnográfica. A resposta do director da Área de Cultura foi categórica: «neste momento non consta que haxa fondos da Fundación Sotelo Blanco cedidos á Deputación». Máis grave aínda, no pleno do 26 de setembro o presidente Menor puxo en tea de xuízo a credibilidade dun recoñecido persoeiro ourensán que cedeu o seu valioso patrimonio etnográfico á institución provincial. Porén, a documentación nos arquivos da propia Deputación contradí de forma absoluta a versión oficial.
Probas documentais contundentes
O 11 de outubro de 2017 asinouse un convenio de colaboración entre Deputación Provincial, Concello de Castro Caldelas e Fundación Sotelo Blanco para a posta en funcionamento do Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra. Este convenio, asinado por José Manuel Baltar Blanco como presidente da Deputación, establece expresamente que a Fundación debe ceder en depósito a colección á Deputación para ser exposta no museo. Apenas un mes despois, o 16 de novembro de 2017, o Pleno extraordinario da Deputación aprobou o acordo de situar o museo no centro comarcal de Castro Caldelas, onde o daquela presidente anunciou publicamente que «o centro volverá á actividade transformado no Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra».
Entre 2017 e 2018 a Deputación aprobou tres partidas orzamentarias específicas para o proxecto que suman case 60.000 euros: 10.000 euros en novembro de 2017 para o Concello, 25.000 euros en xuño de 2018 para a Fundación Sotelo Blanco e 22.045 euros máis en novembro de 2018 cando a Xunta de Goberno ratificou expresamente o convenio de colaboración. Todos estes acordos e partidas quedaron debidamente rexistrados nos arquivos da Deputación, desmintindo así a versión actual do goberno provincial.
Pezas dispersas e desleixo da Deputación
O Grupo Provincial Socialista constatou mediante verificacións presenciais que a Deputación ten no seu poder ducias de pezas do museo dispersas en Castro Caldelas, no Pazo de Vilamarín e no Museo do Viño de Ribadavia, tratándose dunha realidade material verificable que contradí a versión do goberno provincial. Empregados do Concello e da propia Deputación realizaron o traslado desde Santiago de Compostela baixo a supervisión de Manoel Carrete, asesor da Deputación, depositando as pezas entre o Museo de Ribadavia e o cemiterio de Castro Caldelas.
Sotelo Blanco denuncia que se descoñece a localización exacta de tres bibliotecas completas: a súa propia, a do maxistrado Claudio Movilla e a do escritor Xabier Costa Clavell. O continxente inclúe elementos de gran valor patrimonial como un tear restaurado pola Deputación que agora é obxecto de desleixo. Durante case oito anos, este patrimonio permaneceu almacenado de forma dispersa e descontrolada, agardando un proxecto anunciado publicamente, apoiado por convenio e reflectido en múltiples partidas orzamentarias.
«A contradición é absoluta», sostén o deputado socialista Diego Fernández. «Ou a Deputación está a faltar á verdade nas súas manifestacións actuais, ou os documentos oficiais custodiados nos seus propios arquivos son falsos e a realidade física das pezas trasladadas é unha ilusión. Esta disonancia resulta inadmisible nunha institución pública e require unha explicación inmediata que restaure a credibilidade institucional», finca Fernández.
Os socialistas esixen que o presidente Luís Menor rectifique publicamente as súas manifestacións que cuestionaron a credibilidade de Olegario Sotelo Blanco e que presente un plan concreto para dar cumprimento aos compromisos adquiridos hai case oito anos. «A Deputación debe explicacións urxentes á cidadanía sobre esta grave situación que afecta a un proxecto cultural de primeiro orde para a provincia e que supón un agravio intolerable a un destacado investigador do patrimonio etnográfico galego», conclúe Fernández.






