
A deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia Carmen Rodríguez Dacosta e a edil do grupo municipal socialista Alba Iglesias respaldaron esta mañá as reivindicacións da plataforma SOS Sanidade Pública que reclama a redución do tempo medio nas listas de agarda na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e que denuncia que existe unha manipulación por parte da Consellería das cifras publicadas sobre as demoras para consultas e probas diagnósticas que non reflicten a realidade asistencial.
Este asunto xa foi trasladado na Comisión de Sanidade en reiteradas ocasións polas socialistas e, en concreto, a pasada semana cando se esixía ao goberno da Xunta que elabore e poña en marcha un plan de choque para reducir ditas listas de espera e que foi rexeitado co voto en contra do PP. «Debatimos unha iniciativa presentada por nós na que instabamos ao executivo de Alfonso Rueda a rebaixase os datos, totalmente inasumibles tanto en consultas como en probas diagnósticas e cirurxías», sinalou a deputada.
«O PP votou en contra porque non ve a Sanidade como un servizo público, senón como un negocio. E de feito, este mesmo ano, coñecimos a nova de que o Sergas externaliza intervencións cirúrxicas a un hospital privado de Vigo, no canto de reforzar e dotar de medios humanos e materiais á Sanidade ourensá. Polo que seguiremos insitindo en que esta situación non pode continuar», anunciou trala concentración.
Segundo explicou no Parlamento, neses momentos ha na provincia 5.931 persoas agardando por unha cirurxía, 27.671 por unha consulta e 8.173 por algunha proba. E incidiu en que estes datos non reflicten a realidade posto que o tempo comeza a computar dende que a persoa é chamada polo Sergas cunha data fixa para o procedemento e non dende que é derivado dende o médico da Atención Primaria ou os e as propias especialistas que solicitan as probas diagnósticas.
«En Ourense, estar enfermo é sinónimo de ter que agardar. Agardar por unha consulta, por unha operación ou por atención psicolóxica. O sistema público está desbordado. En Saúde Mental faltan profesionais de forma dramática, con esperas disparadas que chegan ao 300%. Isto non son incidencias puntuais, senón que é o síntoma dun modelo que se afunde por decisións políticas», incidiu a edil do PSdeG no Concello de Ourense Alba Iglesias.
E rematou exhortando ao goberno galego do PP a que deixe de maquillar os datos e de poñer parches ante unha cidadanía que merece máis e mellor Sanidade pública.