
O PSdeG-PSOE de Xinzo denuncia que o bigoberno de AXIL e o PP tombou en comisión unha moción socialista na que se instaba ao concello a xestionar tódalas augas de subministro e someter a controis analíticos as fontes do municipio. As e os socialistas consideran «inadmisibles» as explicacións do alcalde e acúsano de «ofrecer escusas de mal pagador para tapar un grave problema para a veciñanza».
Dende o grupo municipal socialista explican que a moción pedía que o concello asuma a xestión das augas de consumo de tódolos núcleos do rural, previa aceptación da veciñanza implicada e tamén as obras de conexión á rede municipal que sexan necesarias, demandando doutras administracións recursos para executalas. Asemade, as e os socialistas tamén pedían que se sometese a analíticas e controis periódicos tódalas fontes que estean operativas nos núcleos do rural, colocando sinalización clara naquelas que sexan aptas ou estean conectadas a rede municipal de abastecemento, e de igual forma as que non sexan aptas para o consumo humano.
As e os socialistas consideran que «debemos por todos os medios para que un ben básico como é o subministro de auga potable, chegue a cada billa con todas as garantías sanitarias, algo que non acontece nas fontes do rural, nin na rede de abastecemento dalgúns núcleos». A moción presentada polo PSOE e desbotada por AXIL e o PP viña motivada pola preocupación da veciñanza de Gudín, que xa pasaron a xestión da súa auga ao concello.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, afirma que «onte vivimos un capítulo inaudito no concello, cun bigoberno tombando unha moción en comisión, co único fin de evitar que se debatese en pleno e que a veciñanza do municipio tivese información ao respecto». A edil socialista subliña que «o único pretexto do alcalde foi que teñen que facer un informe e un inventario e que non convén crear alarma social». Neste senso destaca que «non estamos falando de crear alarma social, senón de previr posibles problemas de saúde pública».
Lama Fernández lembra que «a día de hoxe todo o mundo sabe o estado no que se atopan as augas subterráneas dos acuíferos da Limia e tamén as superficiais» e apunta que «estamos falando de prever problemas de saúde pública ante augas que non son aptas para o consumo humano». A edil socialista tamén acusa á Xunta de «dar as costas a comarca a non declarar a Limia como zona vulnerable por nitratos, incumprindo os prazos marcados polo Goberno de España».
As e os socialistas apuntan que o alcalde, Amador Díaz, e o seu grupo de goberno «néganse a traballar por e para a veciñanza, opóndose a unha moción que pedía dous temas sinxelos». No momento do debate en comisión informativa, o concelleiro de obras e infraestruturas tildou de «oportunismo político» a iniciativa, ao que a voceira socialista respondeu que «a alarma xa está creada na poboación e nos medios, tal e como demostra a contaminación do río Limia, no embalse das Conchas, así como as analíticas que deron orixe a declaración de zona vulnerable» e mesmo engadiu que «xa non se pode tapar o sol cun dedo».