
O voceiro do PSdeG-PSOE de Lobios, Patrick Rodríguez, denunciou a inacción da alcaldesa de Lobios, Carmen Yáñez, para habilitar unha consulta axeitada no centro de saúde que permita a incorporación do novo médico anunciada recentemente pola Xunta de Galicia. Segundo Rodríguez, «esta señora está a xogar coa saúde das veciñas e veciños de Lobios» ao non proceder ás reformas necesarias para que o facultativo poida comezar a prestar servizo no concello.
A Xunta de Galicia comunicou oficialmente que o centro de saúde de Lobios contaría «nas vindeiras semanas» cun novo médico de familia, unha vez resolto o concurso de méritos para cubrir prazas de difícil cobertura. O anuncio realizouse despois de dous anos de reivindicacións e protestas pola ausencia de facultativo no concello, que deixou á poboación dependendo exclusivamente do persoal de enfermería.
Con todo, a incorporación do profesional está condicionada á readaptación das instalacións para albergar a consulta médica, unha reforma que debería levar a cabo o concello e que a alcaldesa aínda non ten executado. «A día de hoxe non se incorporou o novo médico nin hai visos de incorporación, e iso é porque non ten unha consulta. Sen consulta o médico non vai vir. A alcaldesa, seguindo as orientacións do persoal do Centro, só tiña que montar un box», denunciou Rodríguez.
O voceiro socialista explicou que se comunicou á alcaldesa a necesidade de realizar estas reformas para a chegada do novo facultativo, «pero non fixo caso». A proposta do persoal do centro de saúde consistía en «empregar a sala de Urxencias como sala do novo médico e logo facer un box moi sinxelo cun pladur nun recuncho das instalacións para dar servizo ás Urxencias», unha solución que Rodríguez considera «razoable». Con todo, «a alcaldesa nin se dignou a aparecer novamente por aquí» para abordar esta cuestión.
Esta inacción da rexedora agrava unha situación que xa se arrastra desde hai dous anos, deixando ao concello nun limbo sanitario que afecta especialmente a unha poboación envellecida e afastada dos núcleos urbanos.
Dous anos de desleixo sanitario
O concello de Lobios vive unha situación crítica no ámbito sanitario desde outubro de 2023, cando marchou a última médica e o centro quedou só cun enfermeiro. Actualmente conta con dous enfermeiros de carreira, pero a ausencia de facultativo mantén á poboación nun estado de desleixo sanitario. O voceiro socialista subliñou que se trata dun «concello avellentado, rural e afastado de núcleos urbanos, con todo o prexuízo que iso implica para a veciñanza».
Rodríguez foi especialmente crítico coa actitude da alcaldesa cara á problemática sanitaria do concello, asegurando que «esta muller vive en Ourense capital, fai vida alí e dálle igual» a situación dos veciños. «Para gobernar Lobios hai que estar mergullado no concello, coñecer as inquedanzas e reivindicacións da nosa xente. Esta muller non o fai», fincou o voceiro socialista.
O anuncio da chegada do novo médico realizouse a través de medios de comunicación e das redes sociais do concello, indicando que se incorporaría «no verán». Con todo, xa entrados na estación estival, o facultativo aínda non se incorporou ao seu posto de traballo. Rodríguez acusou á alcaldesa de empregar «as redes sociais do concello de xeito propagandístico e electoralista», sen traducir os anuncios en accións concretas.
Desde o PSdeG-PSOE de Lobios manifestan que «sempre estivemos e sempre estaremos a carón da nosa xente» e reivindican o seu «agarimo pola terra, a nosa xente e o noso concello». Rodríguez subliñou a importancia de «ter servizos dignos e poder dar a Lobios o cambio que tanto merece» e «poder darlle ao municipio o futuro que precisa».