O proxecto “Ribadanime” da OMIX de Ribadavia, seleccionado no Catálogo de Experiencias Locais de Xuventude redSIJ 2025

Ribadanime
Ribadanime

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ribadavia vén de recibir un importante recoñecemento a nivel estatal: o seu proxecto “Ribadanime: Visual Novel Interactiva de Información Xuvenil con Intelixencia Artificial” foi seleccionado para formar parte do Catálogo de Experiencias Locais de Xuventude redSIJ 2025, que promove o Injuve a través da Red Española de Servicios de Información Juvenil.

Este catálogo, que recolle iniciativas innovadoras desenvolvidas por máis de 3.000 servizos de xuventude en todo o Estado, ten como obxectivo difundir e compartir boas prácticas que poidan servir de inspiración a outras entidades. A inclusión de Ribadanime supón un aval ao traballo que se está a facer desde Ribadavia no eido da información xuvenil, a innovación dixital e a participación activa da mocidade.

Un proxecto pioneiro en contornas rurais

Ribadanime é un videoxogo interactivo de tipo visual novel desenvolvido con ferramentas abertas como Ren’Py e con apoio de tecnoloxías de intelixencia artificial. O seu obxectivo é achegar información xuvenil a través de formatos dixitais atractivos e gamificados, aliñados cos intereses da mocidade actual.

O xogo está protagonizado por Alex, mascota oficial da OMIX, que guía ás persoas xogadoras nun percorrido virtual por Ribadavia, achegando información sobre eventos culturais como o MIT, Arteficial, a Festa da Istoria ou a Noite Meiga, ademais de recursos europeos como Erasmus+, o Corpo Europeo de Solidariedade ou a rede Eurodesk.

A iniciativa forma parte das actividades de InnovaDavia, unhas xornadas locais centradas en tecnoloxía, creatividade e innovación, e contou coa colaboración de voluntariado europeo e local, así como coa participación directa de mozos e mozas da vila na fase de testeo.

Recoñecemento á innovación xuvenil

O Catálogo de Experiencias Locais de Xuventude redSIJ 2025 valora especialmente os proxectos innovadores, participativos e replicables noutros territorios. Neste sentido, Ribadanime destaca como unha experiencia pioneira no ámbito rural galego, que combina creatividade, tecnoloxía e dinamización cultural ao servizo da xuventude.

“Para Ribadavia é un orgullo que este proxecto se recoñeza a nivel estatal. Supón un impulso para seguir explorando novas formas de comunicación coa mocidade, facendo uso da innovación dixital e mantendo o noso compromiso co desenvolvemento local”, sinalan dende o Concello.

Difusión nacional e internacional

Coa súa inclusión no catálogo, Ribadanime será difundido a través da páxina web e das redes sociais de Injuve, o que permitirá dar visibilidade ao traballo da OMIX de Ribadavia máis aló do ámbito local e consolidar a súa posición como referente en innovación xuvenil.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad