
A situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Barbadás concentrou gran parte da sesión plenaria do Concello deste luns. O goberno local, en resposta á moción do BNG relativa ao sistema público de atención á dependencia, deu conta da falta de apoio económico por parte da Xunta e do Goberno Central para cubrir a atención a maiores, o que tensa notablemente as arcas municipais. “Os concellos atopámonos nunha situación de desamparo para o coidado dos maiores”, asegurou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel. Cabe destacar que xa o pasado mes de agosto, o Concello de Barbadás lle pediu á Xunta que asumise o gasto do SAF para asegurar a atención das persoas dependentes do municipio.
Nesa liña, a concelleira de Servizos Sociais, Elisabet González, explicou que no 2024 Barbadás asumiu preto do 60% do custo do SAF pola falta de financiamento autonómico e estatal. “No 2024 prestáronse 14.931 horas, cun custo de case 396.000€, dos que máis da metade saíron das arcas municipais. E a Xunta? Pois segue pagando só 12 euros por hora, cando o custo real dunha hora prestada directamente polo concello está en 34,23 euros”, detallou a edila. “Así é imposible manter un sistema 100% público sen afogar economicamente aos concellos”, sinalou.
Por outra banda, en resposta á moción do PP sobre a petición de rescisión do contrato da empresa concesionaria, Osventos, Elisabet González recordou as medidas tomadas polo Concello para poñer solución aos constantes incumprimentos. Nesta liña, referiuse as sancións interpostas (a última, o mes pasado), así como o control exhaustivo da empresa e o traslado das numerosas queixas das familias. “Isto amosa que non se tratou dunha falta de seguimento por parte do Concello, senón dunha falta de responsabilidade por parte da empresa”, recalcou a concelleira, quen aproveitou a ocasión para volver a pedir disculpas ás familias afectadas.
O alcalde referiuse á situación como “inadmisible”: “As reiteradas infraccións, as continuas faltas de obediencia aos requerimentos, as innumerables queixas dos usuarios e usuarias, o prexuízo que están a causar en persoas especialmente vulnerables… Non podemos permitir que isto siga así”, reclama Valcárcel.
A concelleira deu conta do resto de accións tomadas polo goberno local: a bolsa municipal de emprego para cubrir as baixas de auxiliares, os contratos menores ofertados a empresas do sector, as horas extraordinarias xestionadas coas traballadoras directas ou as comunicacións coa Xunta de Galicia. “Trasladamos un problema real, pedimos colaboración e apoio, e a Xunta limitouse a botar balóns fóra e deixarnos sós ante a situación”, asegurou a concelleira.
A moción do BNG foi aprobada cos votos a favor de BNG, PSdeG e DO (ambos presentaron unha emenda), cos votos en contra do PP e coa abstención do Partido Galego. A moción do PP foi rexeitada cos votos a favor de tres concelleiros do PP, a abstención de dous concelleiros do PP e os votos en contra do PSdeG, DO e BNG.