O BNG reclama unha Mesa Provincial de Incendios máis operativa e con medios reais en Ourense

Xose Manuel Puga, Bernardo Varela y María Mangana
Xose Manuel Puga, Bernardo Varela y María Mangana

O grupo do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar a coñecer as súas prioridades e propostas ante a posta en marcha da Mesa Provincial de Incendios impulsada pola Deputación a petición do BNG. O portavoz nacionalista, Bernardo Varela, explicou que o BNG chega a esta mesa «con vontade construtiva, propostas concretas e a esixencia de que este novo espazo de traballo teña resultados visibles antes de rematar o ano», subliñando que «non se trata só de apagar lumes, senón de planificar o territorio e reactivar o rural para evitar seguir queimando o noso futuro».

Varela fixo fincapé en que a primeira cuestión urxente é dotar de estrutura real e funcionamento efectivo á Mesa Provincial de Incendios. Indicou que, a día de hoxe, aínda non se determinou quen vai integrar este espazo de coordinación nin cal será o seu método de traballo, algo que o BNG considera imprescindible para garantir resultados. Por iso, reclamou que se concrete de inmediato a composición da mesa, que se definan as entidades e persoas técnicas que han de participar nela, e que se estableza un calendario de traballo que permita contar con conclusións e propostas concretas antes do 31 de decembro de 2025. «A Mesa de Incendios non pode ser un foro retórico», advertiu o portavoz nacionalista, «senón unha ferramenta útil, con obxectivos claros, calendario definido e participación real de todos os sectores implicados».

Na súa intervención, Bernardo Varela tamén salientou a necesidade de que as administracións, tanto a Xunta de Galiza como o Goberno central, poñan en marcha medidas efectivas de restauración e compensación polos danos ocasionados polos lumes. O BNG reclamará que as axudas á recuperación e aos traballos de restauración forestal cheguen de forma áxil e sen trabas administrativas, garantindo que inclúan o lucro cesante das actividades económicas afectadas. Para Varela, é fundamental que estas medidas «non se queden en declaracións de intencións» e que se actúe «con burocracia cero, con axudas directas ás persoas e entidades afectadas.

O BNG aposta tamén por aproveitar esta nova etapa para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento rural sustentable e con futuro. Para Varela, o traballo contra os lumes debe ser tamén «unha oportunidade para transformar o noso rural, mobilizando terras abandonadas, ordenando o territorio e ofrecendo incentivos fiscais e financiamento reforzado aos concellos máis pequenos e ás zonas de baixa densidade poboacional». Nesa liña, o portavoz nacionalista destacou a necesidade de activar e dinamizar o Banco de Terras como ferramenta esencial para mobilizar terras abandonadas e poñelas ao servizo da produción agraria e forestal sustentábel. O portavoz nacionalista defendeu a necesidade dun novo modelo de xestión da interface urbano-forestal que permita a prevención eficaz nas faixas secundarias e nos núcleos de poboación, así como dun plan de investimentos e dun Plan de Emprego Verde dotado con 50 millóns de euros para as zonas máis afectadas polos lumes que perimeta fianciar e reformzar aquleas persoas que desexen traballar en espazos rurais, destacando que é imprescindible vincular as políticas de prevención dos incendios á creación de emprego verde, á recuperación da actividade agraria e forestal e á mellora dos servizos básicos nas comarcas.

Finalmente, Varela explicou que o BNG considera urxente abrir unha reflexión sobre o modelo de gobernanza e de xestión das emerxencias e do servizo de prevención de incendios forestais. A formación nacionalista defenderá na mesa un novo modelo baseado nun mando único dependente da Xunta de Galiza, que clarifique as competencias entre os distintos servizos de emerxencias, consorcios de bombeiros e grupos de emerxencia supramunicipal. O BNG aposta pola profesionalización e  estabilización do persoal do dispositivo de prevención e extinción. Rematando tamén coas labores de extinción das brigadas municipais que deben quedar para traballos de prevención.  «Cómpre un dispositivo profesional, estable e ben formado, con capacidade real de resposta e coordinación», insistiu o portavoz, engadindo que tamén é necesario reforzar os consorcios de bombeiros e os GES, garantir a súa dotación de medios técnicos e asegurar a coordinación entre todos os servizos.

O BNG proporá ademais a creación de comités forestais por distrito, que permitan unha planificación adaptada a cada territorio e a participación directa das comunidades de montes e do tecido social e económico de cada comarca. «Se queremos combater os incendios con eficacia, debemos facelo desde a proximidade, a cooperación e o coñecemento do territorio», concluíu Varela, quen asegurou que o BNG «leva a esta Mesa propostas realistas, ambiciosas e de país, porque Ourense non pode seguir sendo cada verán o epicentro dos incendios de Galiza. É hora de actuar con planificación, recursos e compromiso colectivo».

«É imprescindible cambiar de modelo e ten existir un consenso neste punto e agardamos que así sexa e que a Deputación ten que tratar co protagonismo que se merece esta mesa» remataba o veceiro nacionalista.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad