O alcalde de Barbadás acredita con documentación que o obradoiro de emprego se perdeu polo incumprimento de Taboadela

Xosé Carlos Valcárcel
Xosé Carlos Valcárcel

Os concellos de Barbadás, Toén e Taboadela veñen de perder o obradoiro de emprego dual do sector sociosanitario e forestal despois de que o Concello de Taboadela presentase a súa conta xeral dous meses tarde ante o Consello de Contas. Tal e como explicou esta mañá en rolda de prensa o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, un dos requisitos para acceder á convocatoria da Xunta era ter presentadas as contas municipais do ano 2024 antes do 26 de decembro do 2025, condición que Taboadela non cumpriu en tempo e forma. “O que conleva para a poboación dos tres municipios é a perda de emprego, formación e investimentos”, resumiu Valcárcel ante os medios de comunicación. 

O obradoiro supoñía 24 postos de traballo para persoas desempregadas (13 en Barbadás, 4 en Toén e 3 en Taboadela) durante 9 meses. “Nese tempo recibirían un salario digno, ademais de formación para acceder a postos de traballo en sectores de alta demanda como son o sociosanitario e o forestal”, detallou o rexedor. O investimento total do programa alcanzaría os 465.000 euros.

Valcárcel lamentou a falta de seriedade do Concello de Taboadela e do seu alcalde, Álvaro Vila, quen intenta responsabilizar do seu erro ao Concello de Barbadás. “Cando recibimos a notificación de que a solicitude do obradoiro decaía xa se nos indicou que o motivo era que Taboadela non rendera contas antes do 26 de decembro”, indicou esta mañá o alcalde, que amosou a documentación do proceso. Entón, o rexedor de Taboadela solicitou ao Concello de Barbadás a presentación dun recurso de reposición e alegou que se cumprían todos os requisitos necesarios. “Pedímoslle que nos enviase a documentación oportuna, o certificado da rendición de contas, e despois indicámoslle paso a paso o proceso que estipula a lei galega para render contas”, detallou Valcárcel. 

En resposta, Taboadela entregou un suposto certificado da presentación das contas no que non se inclúe a data e o día de entrega, nin o número de rexistro. Posteriormente, Taboadela achegou unha copia escaneada, na que se recortou a data e a hora de presentación do escrito. “Na propia páxina web do Consello de Contas pódese comprobar que a conta xeral de 2024 do Concello de Taboadela presentouse o 27 de febreiro de 2026, dous meses despois de que rematase a convocatoria para o obradoiro de emprego”, recalcou Valcárcel. Taboadela, por tanto, non cumpriu os requisitos estipulados, polo que “non cabe presentar ningún tipo de recurso de reposición”, recorda o alcalde de Barbadás. 

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad