
Tras meses de lectura e deliberacións, o xurado do II Premio Tinta de Lura de banda deseñada fallou nesta semana as obras gañadoras desta edición, que distingue o talento narrativo e gráfico tanto en lingua galega como en lingua castelá e que tiña como finalistas obras de autores como Laura Pérez, Jose Antonio Pérez Ledo ou Bea Gregores.
O xurado deste premio, composto por alumnado de distintas idades do IES Rodeira (Cangas) e o IES Universidade Laboral (Ourense) otorgou o premio na categoría en lingua galega á obra Voitres. Presas Fáciles, do recoñecido autor Miguel Anxo Prado. Nesta nova entrega da exitosa Presas Fáciles, os policías Tabares e Sotillo investigan o aparente suicidio de Irina, provocado pola recepción de imaxes íntimas no seu móbil. A historia afonda no delicado tema do acoso cibernético e as presións sociais propias da era dixital, ao tempo que os investigadores van desenterrando verdades ocultas detrás da traxedia. Cun estilo visual inconfundible, Prado convida á reflexión sobre os límites entre ficción e realidade, e como a primeira representa non só o que xa pasou, senón o que podería pasar.
Na categoría en lingua castelá, o xurado escolleu como obra gañadora Piezas, de Víctor L. Pinel. A obra, publicada primeiro en francés e traducida polo propio autor, trátase dun relato coral composto por diferentes historias interconectadas ao longo da trama cunha habilidade de ensamblaxe asombrosa. Os seus protagonistas, marcados polo fracaso nas súas relacións persoais, así como a súa resiliencia para saír adiante, funcionan como pezas dun xogo de xadrez —peóns, cabalos, torres, e tamén rei e raíña—, que avanzan coas limitacións do seu rol no enorme taboleiro que supón a vida.
A cerimonia de entrega dos premios terá lugar o vindeiro xoves 19 de xuño ás 19:30 horas, na libraría Wells de Cangas nunha xornada festiva cos autores premiados na que se pretende reivindicar o futuro da banda deseñada.