
Nota de prensa do persoal do servizo municipal da ORA
A recente decisión do Concello de Ourense de suprimir o servizo da ORA supón o despedimento de todas as persoas traballadoras vinculadas a este servizo, unha medida que se adopta sen ningunha alternativa laboral nin solución social para o persoal afectado.
Cómpre lembrar que o servizo da ORA en Ourense está ligado contractualmente ao servizo de grúa municipal a través da concesión outorgada á empresa Doal (anteriormente Véndex).
Segundo se desprende da documentación contractual —que esiximos que se faga pública con total transparencia— a ORA e a grúa forman parte dun mesmo contrato de explotación, o que podería implicar que a empresa concesionaria siga percibindo o canon de explotación aínda que un dos servizos, a ORA, deixe de prestarse.
Esta situación resulta especialmente grave: mentres se elimina un servizo público e se despide a todo o persoal, existe a posibilidade de que a empresa continúe obtendo beneficios económicos grazas á imposibilidade de desligar a ORA do servizo de grúa sen unha revisión contractual en profundidade. De confirmarse este extremo, estaríamos ante un prexuízo claro para o interese público e para as arcas municipais.
Ao mesmo tempo, o alcalde de Ourense anuncia a construción de novos aparcadoiros soterrados, unha aposta que afonda nun modelo de mobilidade centrado no vehículo privado, contraditorio coa supresión da ORA e alleo ás necesidades reais dunha cidade que precisa políticas de mobilidade sostible, planificación urbana coherente e servizos públicos de calidade.
O persoal da concesionario esiximos
• A publicación inmediata e íntegra do contrato asinado coa empresa.
• A clarificación de se a empresa continúa cobrando o canon de explotación pese á supresión da ORA.
• Solucións laborais reais para todas as persoas despedidas.
• Un debate público e transparente sobre o modelo de mobilidade e estacionamento que se quere para Ourense.
Non se pode gobernar a base de anuncios contraditorios, recortes de servizos e opacidade contractual, mentres quen paga as consecuencias son as persoas traballadoras e a cidadanía.






