BNG de Cartelle propón unha ordenanza municipal para afrontar o perigo das vivendas abandonadas ou en estado de ruína no municipio

BNG de Cartelle
BNG de Cartelle

O BNG de Cartelle, a través do seu portavoz municipal, Manolo Ferro, vén de presentar unha moción dirixida ao pleno da corporación na que reclama medidas urxentes para abordar o grave problema que supoñen as vivendas abandonadas e en estado ruinoso no concello. A iniciativa chega como resposta a unha realidade que se vén agravando nas últimas décadas: o despoboamento progresivo, o envellecemento da poboación e a falta de oportunidades, que derivan nunha paisaxe rural marcada polo abandono e o deterioro.

A proposta nacionalista solicita ao goberno municipal a elaboración dunha ordenanza municipal específica que regule a situación das vivendas en estado de ruína ou con risco evidente de derrube. A intención é establecer un marco legal que permita actuar sobre estas edificacións, garantindo así tanto a seguridade das persoas como a protección do patrimonio urbanístico.

O BNG demanda que esta ordenanza inclúa a obriga para os propietarios de acometer medidas de conservación ou, no seu defecto, accións de seguridade como a sinalización ou o balizamento das zonas afectadas, sempre baixo valoración técnica. Ademais, propóñese a creación dun rexistro municipal de inmobles abandonados ou en ruínas, como ferramenta para planificar actuacións urbanísticas e tomar decisións administrativas e legais.

«Non podemos permitir que a falta de actuación institucional converta os nosos núcleos rurais en espazos perigosos e desolados. É responsabilidade do concello establecer mecanismos claros e así protexamos tanto ás persoas como ao noso patrimonio colectivo», sinalou Ferro.

A moción tamén contempla o lanzamento de campañas informativas para que a veciñanza coñeza os seus dereitos e deberes respecto das vivendas en mal estado, así como as posibilidades de rehabilitación do patrimonio edificado, fomentando así unha cultura de coidado e recuperación do entorno construído.

Por outra banda, o BNG insta á Xunta de Galiza a colaborar activamente con liñas de axuda específicas destinadas á rehabilitación de vivendas en zonas rurais e á mellora da seguridade estrutural dos inmobles abandonados. A formación nacionalista considera esencial a implicación do Goberno galego nesta tarefa, que require recursos e coordinación entre administracións.»Reverter esta situación require vontade política e planificación. O BNG de Cartelle ofrece propostas concretas para construír un modelo de desenvolvemento sostible, humano e comprometido co futuro dos nosos núcleos rurais», concluíu Manolo Ferro

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad