
O 2 de outubro de 2025 fíxose público o peche da Vivenda Comunitaria Xardín, no concello de Amoeiro (Ourense). Segundo a información publicada polos medios informativos e constatada pola nosa asociación, o detonante da clausura non foi a inspección dos servizos sociais da Xunta realizada a comezos de setembro, senón o aviso dun particular que alertou tanto á propia Xunta (da que descoñecemos a contestación) como ao Concello de Amoeiro sobre a situación do centro.
A partir desta comunicación municipal, activouse unha inspección laboral o día 29 de setembro e unha intervención das forzas de seguridade, que terían constatado a falta de coidados axeitados ás persoas residentes. Foron estes corpos os que requiriron directamente a actuación da Consellería de Política Social ante a súa inactividade.
Durante esta actuación do peche da Vivenda Comunitaria Xardín, debemos sinalar que a subdirectora de Inspección se atopaba ausente por vacacións. Sen prexuízo do dereito ás vacacións, non deixa de ser unha evidencia da falta de interese pola prestación dos servizos sociais, se temos en conta que este centro que se pecha contaba cunha acta de inspección 15 días antes, e que a administración ocultou a información aos grupos parlamentarios e á opinión pública, o que deixa en evidencia a súa inacción e complicidade.
O 14 de outubro de 2025, xusto un día antes da comparecencia parlamentaria da conselleira Fabiola Rodríguez para explicar o peche de Amoeiro, procedeuse ao peche doutra vivenda comunitaria, San Gabriel, en Xinzo de Limia. O motivo principal sinalado foi a sobreocupación do centro. Non consta, segundo as denuncias recollidas, que outros centros con situacións similares de sobreocupación, previamente detectadas pola inspección de servizos sociais, fosen clausurados por este motivo, o que nos xera interrogantes sobre se este peche podería interpretarse como unha forma de xustificar as actuacións relacionadas co caso de Amoeiro.
Nesta ocasión, quen se atopaba de vacacións era a xefa de Servizo de Inspección de Maiores, malia que dúas semanas antes se pechara un centro. A estas circunstancias por parte desta xefa de servizo, súmanse sinalamentos de horarios presuntamente incompatibles co correcto desempeño das funcións de supervisión atribuídas ás persoas responsables da inspección.
Así mesmo, a Inspección de Traballo cuestionou recentemente a situación da residencia de maiores de Oleiros a raíz dunha denuncia presentada polo sindicato CSIF tras a fuga dunha persoa residente. Na acta de inspección recóllense presuntas deficiencias tanto materiais como organizativas, así como carencias en protocolos de actuación e problemas estruturais do propio edificio. Porén, unha vez máis a inspección laboral puxo de manifesto a falta de intervención da inspección de servizos sociais sobre os coidados e as atencións mínimas das persoas usuarias.
Tamén, o 26 de novembro, CC.OO. denunciou publicamente todo tipo de eivas na residencia DomusVi San Lázaro en Santiago, a residencia de maiores con maior número de mortes de toda Galicia —41— nos nove primeiros meses da COVID, cualificando a súa situación como «insalubre e insostible». A actuación da Consellería foi novamente a inacción.
Queda claro que nin na Consellería de Política Social hai ninguén ao mando, nin a inspección existe como ente efectivo real, senón como un mero ente decorativo que a conselleira Fabiola Rodríguez usa de coartada para finxir que en Galicia se inspecciona e actúa.
Á vista de todo o acontecido, ASGADeD únese ás distintas voces que reclaman a asunción de responsabilidades, non só por parte da conselleira Fabiola Rodríguez, máxima responsábel, senón tamén por parte dos mandos intermedios da Consellería de Política Social, especialmente no relativo á Subdirección de Inspección e á Xefatura do Servizo de Inspección de Maiores. A falta de actuación dos órganos competentes provocou que outras administracións tivesen que intervir para garantir a seguridade e o benestar das persoas residentes nos centros afectados.
ASGADeD (Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade)






