AquaOurense e Cruz Vermella lanzan unha campaña de concienciación cidadá sobre o consumo responsable da auga

Cruz Roja

AquaOurense e Cruz Vermella, coa colaboración da Deputación de Ourense, presentaron na asemblea provincial de Cruz Vermella en Ourense unha campaña de concienciación sobre o consumo responsable da auga. O obxectivo desta iniciativa é dar consellos á cidadanía cos que mellorar os seus hábitos de consumo e axudar a mellorar a situación de prealerta por seca activada pola Confederación Hidrográfica Miño Sil en toda a provincia de Ourense.

Esta acción nace do Pacto Social AquaOurense, promovido por Viaqua e a Deputación de Ourense, fundamentado na colaboración público-privada, e cuxo modelo se basea no diálogo e o consenso coas administracións públicas, buscando a participación de todos os axentes económicos, políticos e sociais da provincia de Ourense. 

Cruz Vermella en Ourense, é unha das entidades que están a traballar nas mesas de diálogo deste Pacto Social, concretamente no eixo de solidariedade e emprego de calidade, onde se propoñen plans de acción con iniciativas coma esta campaña de concienciación cidadá, aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, marcados dentro da Axenda 2030, dirixidas a contribuír á recuperación económica e social da provincia. 

Con esta campaña, búscase promover hábitos racionais da auga en diferentes estancias da casa como a cociña e o baño ou noutros puntos como poden ser xardíns e hortas ou piscinas. A campaña porase en marcha a través de accións de sensibilización que levará a cabo o persoal voluntario de Cruz Vermella, entregando material de difusión e organizando charlas e obradoiros da man do persoal de AquaOurense na provincia.

Á presentación da campaña acudiron Plácido Álvarez, presidente de AquaOurense e vicepresidente da Deputación de Ourense, Javier Bobe, director da Área de Medio Ambiente da Deputación, Víctor Comesaña, responsable de operacións de AquaOurense, que destacou “a importancia da posta en marcha campañas coma esta, en colaboración con Cruz Vermella, para achegar á cidadanía a relevancia que ten concienciarnos sobre a situación de prealerta que está a vivir a provincia de Ourense e na cal todos debemos de mudar os nosos hábitos para levar esta situación da mellor maneira posible”.  Por parte da Cruz Vermella, asistiron a coordinadora provincial, Marisa Casero, Francisco González, vicepresidente provincial de Cruz Vermella en Ourense, quen salientou o compromiso de Cruz Vermella co Medio Ambiente e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, sabendo que os efectos do cambio climático teñen un importante impacto na saúde das persoas e afectan especialmente ás máis vulnerables. Esta campaña é unha oportunidade para poñer o foco nunha realidade, a seca, para a que en Ourense non estamos concienciados nin habituados; por iso é necesario adoptar novos hábitos de consumo e  valorar a auga como un ben básico de vida que hai que usar con responsabilidade”. 

Escoitar o que importa á cidadanía, ás organización sociais e ás empresas é a mellor maneira de avanzar e satisfacer as súas necesidades. Esta é a máxima do Pacto Social de AquaOurense, unha iniciativa lanzada o ano pasado e que ten como obxectivo transformar de forma colaborativa xunto ás administracións públicas e outros axentes. 

A situación de prealerta por seca leva meses activada e durante as últimas semanas son varios os concellos que están activando restricións como baixar as presións ou limitar as regas. Os encoros do Miño-Sil están á metade da súa capacidade e a situación de cara o verán, se non o mudan as chuvias, é especialmente preocupante para os concellos da provincia. 

Pin It on Pinterest

Ir arriba
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad