A xunta recorda aos afectados polo incencio forestal de Valdeorras que aínda están en prazo para solitar as Axudas

Xunta incendio Valdeorras

 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo esta mañá un encontro con representantes das comunidades de montes veciñais en man común de Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Rubiá, para analizar os danos causados polo incendio forestal que afectou unhas 10.500 hectáreas na comarca o pasado mes de xullo. Alí, recordoulles que están en prazo de solicitar os 4 millóns de euros en axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras que se viran afectadas por estes incendios.

Tras a extinción do lume, os esforzos céntranse agora na recuperación do solo e do potencial produtivo da zona. Neste senso, tras os estudos realizados polos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán constatouse que a afectación do lume ao solo foi de baixa a moderada na súa gran maior parte, polo que o risco de erosión nesas zonas é baixo e non supón unha modificación substancial das súas propiedades. Así o explicou nesta xuntanza Cristina Fernández, investigadora do devandito centro, quen tamén sinalou que, da superficie total afectada por este incendio, tan só 42 hectáreas presentaron un índice alto de severidade no solo, principalmente en algunhas ladeiras, polo que se levará a cabo a aplicación  dunha cobertura sobre o solo queimado. 

Sobre esta recuperación, o conselleiro lembrou a folla de ruta marcada desde hai máis dun ano a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que recolle figuras como as aldeas modelo -das que xa hai 21 aprobadas- e os polígonos agroforestais -10 xa iniciados e cinco en fase de actuacións previas-. En total, máis de 5.000 hectáreas de terreo están sendo mobilizadas no primeiro ano de vixencia da Lei de recuperación, beneficiando case 7.000 propietarios dunhas 28.000 parcelas. 

Das figuras xa impulsadas, varias contabilízanse na comarca de Valdeorras. Así, está en marcha a aldea modelo de Meixide, na Veiga, de 71,25 hectáreas de superficie e dedicada á produción de vacún en extensivo. Mentres, tal e como se veu de confirmar a pasada fin de semana nunha visita a Larouco, alí estase a traballar na execución doutra aldea modelo, en Santa Mariña de Seadur, cunha superficie de 34,17 hectáreas; así como no polígono agroforestal de Freixido, que albergará 136 hectáreas de cultivos de viñedo ou árbores froiteiras. Tamén se está a avanzar na aldea modelo das Nogueiras, en Carballeda de Valdeorras, de 13,24 ha.

Axudas aínda dispoñibles

Segundo a orde publicada o pasado mes de xullo no Diario Oficial de Galicia (DOG), lembrouse que as subvencións para explotacións forestais poderán concederse de cara á reposición das infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios. Tamén, para a madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública, nas zonas afectadas polos lumes.

No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.

En todos os casos, as axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, cuns límites máximos que están fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario que oscilan entre os 3.000 euros (para cubrir os custos de alimentación de gando) e os 50.000 euros (para a maquinaria forestal danada en tarefas de colaboración na extinción dos lumes). O prazo para a solicitude destas axudas remata o próximo luns 29 de agosto.

Pin It on Pinterest

Ir arriba
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad