Xulia González Pascual, elixida nova secretaria comarcal da CIG de Ourense

Xulia González Pascual
Xulia González Pascual

Xulia González Pascual, nova secretaria comarcal da CIG-Ourense tras ser elixida por 79 votos a favor, 11 en branco e 4 nulos en substitución de Anxo Pérez Carballo na IX Asemblea da CIG de Pontevedra celebrada este sábado no salón de actos da Casa Sindical. A candidatura de consenso para a Executiva Comarcal sumou 89 apoios, 3 en branco e 2 nulos; e a lista de representantes da bisbarra no Consello Confederal obtivo 89 votos a favor, 4 en branco e 1 nulo. 

Composición da nova Executiva Comarcal:

  1. Xulia González Pascual.
  2. Óscar Núñez Álvarez.
  3. José Ramón Álvarez Dacoba.
  4. Inmaculada López Taboada.
  5. Rosa María Fernández Muñoz.
  6. Rubén Ramos Gestal.
  7. Ramón Porto Rodríguez.

A nova secretaria comarcal tomou a palabra no acto de clausura para deixar moi claro que na IX Asemblea “non só renovamos cargos: renovamos forzas, renovamos o compromiso coa nosa clase e coa nosa terra. Hoxe somos máis que delegadas e delegados, máis que afiliadas e afiliados: hoxe somos a voz da dignidade obreira desta comarca”. Neste senso, cualificou o encontro como unha “oportunidade” para renovar enerxías e marcar un rumbo claro: “máis organización, máis combate, máis dignidade para a clase traballadora de Ourense”.

Tamén se referiu durante o seu discurso ao “abandono político e institucional” que padece a provincia e ao desmantelamento produtivo, á emigración xuvenil, á precariedade laboral e á falta de investimentos, “que son feridas abertas que coñecemos ben”. Fronte a isto, chamou a non resignarse, “porque se algo define á CIG é que non calamos; non aceptamos ser unha provincia de segunda, non aceptamos o paro estrutural como destino nin o silencio como estratexia”. “A CIG é a voz que rompe o silencio. A voz que denuncia. A voz que organiza”.

E situou a forza da central sindical na independencia: “non dependemos de Madrid, non temos hipotecas co capital, non asinamos convenios á baixa, non vendemos dereitos a cambio de subvencións”. Pola contra, definiu a práctica sindical da CIG como de clase, nacionalista, feminista e combativa. “Porque sabemos que a dignidade non se mendiga, conquístase”.

Ao mesmo tempo, incidiu en que o sindicalismo “do século XXI” debe ser “profundamente” feminista, “porque as mulleres sostemos moitos sectores invisíbeis, sufrindo discriminación, precariedade e violencias. Igual traballo, igual salario. Igual esforzo, igual recoñecemento”. Pero aclarou que a igualdade non se negocia: exíxese e conquístase.

Un sindicalismo que ten que ser tamén ecoloxista, “porque a transición ecolóxica non pode ser unha escusa para máis despedimentos. Queremos futuro, pero non a calquera prezo”. E ten que contar coa xuventude, que hoxe é excluída, precarizada e empurrada á emigración. “A mocidade ten que ser parte activa da loita sindical. Sen relevo, non hai futuro”.

Neste punto queixo deixar claro que “non vai vir ninguén a rescatarnos; non o farán dende Madrid, nin dende Bruxelas. Só a organización, a unidade e a forza da clase traballadora galega pode mudar esta realidade”. E expresou o seu compromiso, como secretaria comarcal, de estar “ao voso carón” nas folgas, nas negociacións, nas portas das fábricas, nos piquetes, nas rúas. “Porque a CIG non se dirixe dende un despacho, constrúese a carón da xente, día a día”.

Durante a súa intervención tamén se lembrou do pobo palestino, que está a padecer unha “agresión cruel e continuada, unha ocupación que xa leva décadas esmagando soños, vidas e dereitos”. 

E aproveitou para renderlle homenaxe ao até de agora secretario comarcal “polo seu compromiso e coherencia”, de quen dixo que “non despedimos un cargo, senón que recoñecemos unha traxectoria sindical exemplar, unha vida entregada ao sindicalismo nacionalista e de clase, á defensa dos dereitos da clase traballadora con entrega, ética e lealdade”. 

Finalmente, amosouse convencida de que nesta nova etapa “seremos quen de facer da CIG en Ourense unha ferramenta aínda máis forte, máis combativa e máis ao servizo da clase traballadora. Porque temos historia, temos dignidade, temos principios e temos a forza que nace da unión e da loita colectiva”.

“Porque -continuou- se estamos xuntas e xuntos non hai forza que nos poida deter. Non nos van dobrar, non imos calar, e non imos parar ata acadar condicións laborais xustas, igualdade real, servizos públicos dignos e unha vida que pague a pena ser vivida nesta terra nosa”.

A ferramenta imprescindible para a clase traballadora galega

O Informe de Xestión da anterior Executiva Comarcal foi defendido por Anxo Pérez Carballo e saíu adiante por 96 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención. No documento menciónase o inicio dun novo ciclo co relevo na Secretaría Comarcal e coa entrada de novos membros na Executiva “até o de agora inéditos nos organismos de dirección pero de sobra curtidos na accións sindical e na loita nas súas empresas e sectores”. 

En canto ao contexto socioeconómico xeral faise fincapé en que os últimos anos estiveron marcados polas consecuencias derivadas da pandemia da covid: a nivel social polo “confinamento ideolóxico” (logrando que o que denominan “seguridade” impere sobre as liberdades persoais e colectivas, e fomentando o individualismo fronte á socialización das ideas e das iniciativas); e a nivel económico agrandando a fenda entre ricos e pobres. Consecuencias que se viron acentuadas pola guerra de Ucraína, evidenciando o “racismo e a xenofobia imperante” e disparando a carestía da vida. 

Mais a CIG “soubo estar á altura” nestes tempos de “loita e mobilización”, sendo a organización que máis se mobiliza tanto en Galiza como no conxunto do Estado español, “o que contribuíu, entre outras cousas, ao incremento de afiliación e representatividade (a central situouse por primeira como principal forza sindical da provincia) ou a que os incrementos salariais nos convenios sectoriais no noso país nos últimos anos estea por riba da media estatal”. 

No repaso da “intensa” conflitividade laboral rexistrada neste período salientan as folgas convocadas no servizo de transporte urbano de Ourense, no siderometal ou no comercio de alimentación, Ecourense ou Coasa, mais tamén as loitas por un marco galego no sector da construción ou por un convenio digno nas residencias de maiores privadas.

E en materia de eleccións sindicais ponse o acento na maioría sindical acadada no sector do metal; no feito de ter ampliado de xeito importante a representación no ensino privado; en ter entrado con forza na sanidade privada e no sector da alimentación, con presenza na actualidade en todas as grandes cadeas alimentarias, así como no sector de residencias de maiores privadas; e no incremento da representación no sector público, tanto na Administración como en sanidade e ensino. 

Xa no plano local, o documento alerta sobre a situación de Ourense, que medida nos parámetros poboacionais, sociais e económicos “é verdadeiramente alarmante e desoladora”. “En 2024 fixemos público un informe da situación sociolaboral elaborado polo noso Gabinete Económico que debuxaba unha provincia ao límite, con datos demoledores en materia demográfica, que mesmo auguran unha desaparición física do territorio, e cunhas cifras de ingresos familiares que nos situaban no terreo da exclusión social”.

Entre outros datos, recóllese que a poboación maior de 90 anos é máis grande que a de menos de catro; que a de maiores de 85 supón a tripla que a de catro anos; que as defuncións case cuadriplican os nacementos; ou que o 35% da poboación asalariada en Ourense percibe uns ingresos inferiores ao salario mínimo interprofesional. Todo isto levou a CIG a convocar en xullo do pasado unha manifestación na cidade co lema ‘Ourense esmorece. Impidámolo’, que serviu de arranque dunha campaña que, “polo seu propio ser e natureza, vai ser sostida no tempo e vai impregnar a nosa acción sindical na comarca”. 

Finalmente, o Informe incide en que a forza da clase traballadora depende da fortaleza das súas organizacións. “Temos maior fortaleza se o noso sindicato é máis forte. Un sindicato vivo, asembleario, sen dependencia económica, activo, solidario, nacionalista e internacionalista, que asuma os compromisos que adquire, que non se venda nin entregue; en definitiva, que sexa a voz da clase obreira. Ese é o noso modelo. Somos a ferramenta necesaria, mesmo imprescindible, para a clase traballadora deste país”.

Representantes da comarca no Consello Confederal:

1. Xulia González Pascual.

2. Rubén Ramos Gestal.

3. Indalecio Gómez López.

4. Xosé Rodríguez Díaz.

5. Melanie Arias Puccio.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad