
Os grupos na Deputación de Ourense do PSdeG-PSOE e do BNG rexistraron hoxe de forma conxunta unha solicitude formal dirixida ao presidente da corporación provincial, Luís Menor, para a convocatoria dun pleno extraordinario específico sobre a situación dos incendios forestais na provincia. Socialistas e nacionalistas demandan este pleno tras ter interpelado a nivel de voceiros que se abordase a cuestión dos lumes no pleno extraordinario xa convocado para o vindeiro mércores, 27 de agosto.
A petición, asinada polas oito deputadas e deputados dos grupos da oposición (cinco do PSdeG-PSOE, á espera da toma de posesión de dous edís por mor do relevo operado a finais de xullo, e tres do BNG), responde ao desacordo coa fórmula elixida polo presidente para abordar os recentes incendios. O punto número 7 da orde do día do pleno do 27 de agosto, baixo o epígrafe «Comunicación de presidencia: Dación de conta da Presidencia sobre a situación dos lumes na Provincia de Ourense», converte a petición da oposición «nun monólogo unilateral do presidente», sen posibilidade de participación do resto de grupos.
«A fórmula da ‘dación de contas’ resulta manifestamente inadecuada para abordar unha emerxencia desta magnitude», indica a demanda rexistrada polos grupos da oposición. Fronte a aqueles que pretenden escudarse en que agora non é o momento de abordar esta cuestión mentres a situación aínda está activa, os grupos da oposición consideran que é xusto agora cando se debe actuar con responsabilidade institucional. A veciñanza ourensá está a demandar respostas coordinadas, transparentes e eficaces, como demostraron as mobilizacións multitudinarias celebradas en toda Galicia o 21 de agosto.
A emerxencia require debate aberto e participativo
A situación require «un debate aberto, plural e construtivo que permita aglutinar o maior consenso posible arredor das medidas que se adopten», segundo recolle o texto da solicitude. A demanda establece que a Deputación de Ourense, como institución supramunicipal con competencias directas na cooperación cos concellos, «ten a obriga legal e moral de liderar a resposta colectiva a esta emerxencia que afecta a toda a provincia». Neste senso, para socialistas e nacionalistas resulta «fundamental» que todos os grupos políticos poidan contribuír coas súas iniciativas á busca de solucións efectivas.
A solicitude, asinada por máis dunha cuarta parte de membros da corporación provincial, establece que o pleno extraordinario debe celebrarse coa máxima urxencia posible, respectando o prazo establecido pola Lei de Bases do Réxime Local. Porén, os grupos asinantes deixaron aberta a posibilidade de retirar a solicitude se o presidente da Deputación «se retractase da súa decisión e incluíse un punto específico na orde do día do vindeiro pleno extraordinario do 27 de agosto que permita o debate aberto» sobre os lumes que asolaron a provincia.