
O Partido Popular (PP) e Democracia Ourensá (DO) impediron co seu voto negativo a aprobación da moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para reactivar o Comité Ético da Deputación de Ourense, que leva paralizado desde hai case dez anos. A iniciativa requiría a «activación urxente» do Comité Ético, así como o establecemento dun procedemento transparente e independente para a elección dos seus membros, e medidas para garantir a súa autonomía funcional e a publicación anual dun informe de actividades.
No marco do debate plenario que tivo lugar hoxe, a deputada socialista Elvira Lama, defendeu a proposta ao considerala «un paso imprescindible para recuperar a confianza cidadá e garantir a existencia de mecanismos efectivos de control ético e institucional». Lamentou, sen embargo, que «coma sempre, o PP optara por desviar a atención, reproducindo os discursos virulentos do seu partido en Madrid contra o Goberno central, fuxindo da realidade e contornas que atinxen á corporación provincial e ton totalmente impropio».
Lama cualificou de «inaudita» a afirmación do PP de que non é necesario un código ético porque, tal e como dixeron os responsables populares, «os que se adican á política xa saben como se teñen que comportar». A deputada socialista non puido evitar a súa «sorpresa» diante das resistencias da formación conservadora cando este instrumento está recollido na propia normativa da Deputación de Ourense e que leva unha década en situación de stand by, tras dimitir os seus membros no marco dunha denuncia por acoso sexual.
«Negarse a activar este mecanismo é negar á cidadanía o dereito de saber que quen exerce cargos públicos o fai baixo criterios éticos claros, supervisados e con consecuencias», engadiu Lama. Segundo esta, «o PP prefire manter este baleiro institucional e agocharse tras discursos partidistas e escusas inxustificables». O Grupo Socialista comprométese a seguir traballando por unha Deputación máis transparente, ética e con vocación de servizo público real. «Non deixaremos de insistir mentres continúe este desprezo pola rendición de contas e dignidade democrática da nosa provincia», concluíu Lama.