
O Consello de Ministros aprobou un Real Decreto para a creación de 50 novas prazas de xuíces e xuízas especializadas en Violencia sobre a Muller en todo o Estado. Ourense será unha das provincias beneficiadas coa implantación dunha sección específica para tratar en exclusiva este tipo de casos, incluíndo tamén os de violencia sexual.
«É unha boa nova que un destes órganos se cree en Ourense para levar en exclusiva, tamén, os de violencia sexual contra as mulleres», subliñou a deputada no Congreso Marga Martín.
Segundo indicou, esta medida suporá “unha maior velocidade de resposta pero, sobre todo, suporá unha maior calidade na atención ás vítimas”. A nova estrutura integrarase como sección especializada dentro dos Tribunais de Instancia, conforme á Lei Orgánica 1/2025.
«O Executivo de Pedro Sánchez está a responder de xeito contundente dotando de medios a loita contra o machismo», afirmou Natalia González, portavoz socialista no Concello, tras lembrar recentes casos de violencia de xénero ocorridos na provincia.