
«O Concello de Ourense ten sen pagar as luces de Nadal do ano pasado. Xa está posto o deste ano, que tamén quedará sen pagar, e está sen aboar o do ano pasado. Unha persoa que compra cousas sen poder pagalas a sabendas, porque é a sabendas, eu penso que debería pedir desculpas e intentar facer estas cousas doutra maneira ou dimitir, porque non ten capacidade política suficiente para xestionar unha cousa que fixo cinco veces mal», comezou argumetando a edil do PSdeG María Fernández Ojea durante o pleno extraordinario que tivo lugar esta mañá no que as socialistas votaron en contra do levantamento do reparo á aprobación da factura correspondente á anualidade 2025 do contrato de subministración e instalación de elementos decorativos para o período 2024–2025.
Destacou, nesta liña, que o feito de que se contrate habitualmente sen crédito na Administración que dirixe Gonzalo Pérez Jácome non quere dicir que sexa polo interese xeral nin o proceder habitual doutros gobernos municipais. «A primeira vez que che pasa unha cousa é un erro, a segunda pode ser fallo de planificación, pero a terceira é porque che da exactamente igual porque sabes que vai a haber quen tape as túas vergoñas», subliñou. E reclamou que se o executivo de DO quere apostalo todo «as verbenas e o alumeamento», alomenos faga o favor de realizar as contratacións conforme á lei e se paguen en tempo e forma. «Cando din vostedes que van a abonar esta factura? Porque xa lles digo eu que non se paga neste exercicio», apostillou.
Por outra banda, ante a proposición para a aprobación provisional da ordenanza fiscal de derogación da ordenanza fiscal núm. 13, reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo, as edís do PSdeG tamén se posicionaron en contra reiterando o seu posicionamento dende hai meses. «Os veciños e veciñas de Ourense van a pagar máis por un servizo que non vai a mellorar. Eu entendo que isto sexa culpa de Pedro Sánchez, como todo, pero é Gonzalo Pérez Jácome o que asina a ordenanza e o decreto», ironizou.
«A normativa estatal o que di é que quen contamina, paga. Moitos executivos, de diferentes cores políticas, adaptaron a ordenanza para que a cidadanía non asuma o aumento das taxas indiscriminadamente e por igual. O que criticaba o alcalde cando era oposición agora o defende con vehemencia e determinación desviando o foco. E o foco está en que vostede foi quen subíu o recibo da auga e do lixo cando ámbolos dous servizos están en precario. Está a exixir á veciñanza que pague máis cando o Concello non paga o servizo á empresa porque está en precario», rematou ironizando.






