
Tal e como xa avisaron as e os socialistas do Concello de Ourense, o primeiro día de funcionamento das novas liñas de autobuses urbanos resultaron caóticas nas horas puntas da mañá. Logo de realizar diferentes traxectos, as e os edís do PSdeG destacan a improvisación e o malestar xeralizado entre as persoas usuarias e lamentan que «o que debería ser unha aposta pola mobilidade sostible converteuse nun auténtico labirinto de erros de planificación e falta de previsión».
Neste senso, destacan que as queixas se multiplicaron dende primeira hora, con aglomeracións en paradas estratéxicas en diferentes barrios e con viaxeiros e viaxeiras subindo «a cegas» ao primeiro bus que atopaban dispoñible. Moitos vehículos saturados resultaron insuficientes e numerosos autobuses tiveron que saltarse paradas ao ir ateigados, deixando persoas sen servizo.
Ademais, quedou patente que os «busitos» pequenos nos traxectos máis demandados resultaron incapaces de asumir a carga real de pasaxeiros. «Os horarios e percorridos que non responden ás necesidades reais da cidadanía provocaron atrasos, como no caso do alumnado da Universidade Laboral e do 12 de Outubro», exemplifican sobre algúns dos percances desta primeira xornada.
A información resultou, a todas luces, deficiente nas propias paradas de autobuses reducindo a orientación dos e das usuarias a «un código QR que en moitos casos nin sequera funcionaba». Por exemplo, o QR dunha parada da Lonia sinalizaba o 16 como «FER» e engaden que tamén se deron erros na sinalización e itinerarios, como foi o caso da liña 8 que non entrou en Roi Páez malia estar prevista.
As aglomeracións resultaron masivas nalgunhas paradas, especialmente en A Ponte, no barrio do Pino e en San Lázaro, onde a veciñanza non sabía onde esperar o bus para Mariñamansa e a confusión foi a tónica xeralizada cos novos percorridos e numeracións, con xente que agardaba no Parque pensando que o bus 3 pasaría por alí, cando agora circula pola rúa Concejo. O mesmo aconteceu nas torres do Pino.
Tamén resultaron promesas incumpridas as frecuencias, que o alcalde anunciara de 15 minutos, que na práctica resultaron en buses que chegan seguidos e logo deixan longos períodos de espera e moios usuarios e usuarias denuniaron que a liña 11 quedou reducida a unha simple lanzadeira ata a Alameda, obrigando a moitas persoas a facer transbordos innecesarios.
En definitiva, sopesan que a posta en marcha da «revolución máxica» anunciada polo rexedor non fixo máis que evidenciar a ausencia dunha planificación seria e adaptada á cidade. A realidade do día de hoxe, para as e os socialistas, foi a dun servizo colapsado, confuso e incapaz de responder ás necesidades básicas de mobilidade.
Dende o grupo municipal do PSdeG expoñen que estarán a pé de bus recollendo demandas, comprobando liñas, paradas, frecuencias e percorridos nos vindeiros días e canalizando as demandas dos e das usuarias para que o goberno municipal rectifique canto antes as eivas detectadas.