
O grupo municipal socialista de Ourense considera «moi preocupante» o contido do informe remitido pola Policía Local sobre o sistema de radares e cámaras de control de acceso ao Casco Histórico, solicitado polo PSdeG do Concello, que revela o que consideran como unha clara «falta de planificación, transparencia e participación cidadá» por parte do goberno municipal.
As socialistas sinalan que o documento non inclúe estudos de mobilidade nin informes técnicos axeitados que xustifiquen a instalación dos radares, limitándose a mencións xenéricas ao PMUS e ao proxecto da empresa adxudicataria, sen facilitar copia nin resumo algún, o que impide calquer labor de fiscalización por parte da oposición ou da cidadanía. «Non se poden tomar decisións que afectan á vida diaria da veciñanza sen base técnica nin diálogo previo», advertiu a voceira, Natalia González Benéitez.
Ademais, destacan que o informe recoñece que o sistema de control de acceso á zona histórica aínda está en fase de probas e que o plan de comunicación cidadá está «en desenvolvemento», a pesar de que xa se están a emitir avisos de denuncia. «Estamos ante unha actuación improvisada e mal planificada, que pode xerar confusión e inseguridade xurídica entre os veciños e comerciantes», subliñou a tamén secretaria do PSdeG en Ourense.
Con todo, dende o grupo municipal socialista reclaman ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome que publique toda a documentación técnica e suspenda temporalmente as sancións, ata garantir un sistema plenamente operativo, transparente e acompañado dunha campaña informativa. «Queremos unha mobilidade ordenada e segura, pero tamén participada e xusta», concluíu.






