
A secretaria xeral da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González, e os secretarios de Dereitos LGTBI das executivas municipal e provincial, Bryant Álvarez e Javier Alén, presentaron esta mañá a programación para celebrar o Orgullo 2025 que organizaron da man das Xuventudes Socialistas.
A secertaria xeral do PSdeG na cidade, Natalia González, lembrou que as raíces da loita LGTBI tamén están na nosa terra, e comezaron a medrar moito antes da rebelión no bar Stonewall en 1969. «No ano 1061, Pedro Díaz e Muño Vandilaz, veciños de Rairiz de Veiga (Ourense), foron unidos por un sacerdote no que se considera unha das primeiras evidencias históricas dunha unión entre dous homes en Europa. Con historia propia, fomos e seguimos a ser terra de diversidade», enfatizou.
«O certo é que este ano se cumpren dúas décadas da aprobación do matrimonio igualitario e da adopción homoparental en España, un fito que transformou o noso país nun referente mundial en liberdade e igualdade. Pero o PSOE non é un partido conformista e por iso continúa saído á rúa cada ano e berrando que non só non imos dar nin un paso atrás, senón que continuaremos defendendo a memoria, no presente e no futuro, e reclamando o dereito fundamental a vivir sen medo e en liberdade», engadiu.
Así mesmo, recordou, na liña dos actos que estes días se veñen organizando dende o partido por toda España, a figura de Pedro Zerolo, incansable activista e compañeiro socialista, cuxo compromiso e valentía foron determinantes para facer realidade esta conquista histórica. «Grazas ao seu traballo, e ao do Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero, o noso país converteuse en pioneiro na defensa dos dereitos das persoas LGTBI», expuxo ante os medios de comunicación.
Pola súa banda, Javier Alén subliñou que a secretaría de Dereitos LGTBI da Executiva Provincial do PSdeG, da que el é responsable, é unha área de nova creación tralos recentes procesos congresuais, coa que se pretende poñer en valor unha realidade que existe e merece ser reivindicada dende a política: as vidas LGTBI, a súa loita e a súa memoria.
Neste senso, subliñou que a campaña lanzada se artellou en colaboración coas Xuventudes Socialistas de Galicia, para lembrar a memoria da loita dos activistas LGTBI que se materializou nos 20 anos da aprobación do matrimonio igualitario no noso país da man do Partido Socialista. «Un primeiro paso que abriu camiño para seguir avanzando en novos dereitos día a día, porque queremos seguir sendo o partido á vangarda; o partido dos dereitos trans; da realidade das persoas non binarias ou de defensa das mulleres do colectivo, doblemente discriminadas», afirmou.
Así as cousas, explicou que o acto central do Orgullo da Executiva Provincial, terá lugar este venres, ás 20:00 horas, na praza de Cervantes de Celanova, e puxo de manifesto que esta é unha vila que xa é un referente a nivel provincial na conmemoración desta data.
Dende a Executiva Municipal realizarán xusto antes, ás 18:00 horas, na sede do PSOE en Ourense a súa tradicional izada de bandeira multicolor que presentou o secretario de Dereitos LGTBI da mesma na rolda de prensa explicando que esteano quixeron alongar máis a actividade programada e por elo xa levaron a cabo un acto a semana pasada na rúa do Paseo na que particiou a cidadanía. «Lanzámonos á rúa con imáxenes de persoas históricas do colectivo para que cada quen as definirá con distintos adxectivos. Se algo nos quedou claro coa implicación da xente é que o amor venceu ao odio e que a nosa cidade é Orgullo», finalizou.