O PSOE de Ribadavia critica unha nova “chapuza” nas subvencións do Concello

Concello de Ribadavia
Concello de Ribadavia

O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia unha nova «chapuza» na xestión de subvencións, desta vez na obra de ampliación e reforma do polideportivo municipal do Consello, que contaba cun investimento de 1,3 millóns, cofinanciados polo concello, a Xunta e a Deputación. As e os socialistas critican que o alcalde vendera xa en decembro este proxecto a «bombo e platillo», cando agora «nos atopamos que non hai ningunha empresa que a execute».

Dende o grupo municipal socialista consideran que «estamos ante unha nova demostración da ineptitude e neglixencia dun grupo de goberno que é incapaz de xestionar o concello». Neste senso tamén sinalan que este goberno municipal «é o que peor xestión de fondos públicos está levando a cabo nos últimos 30 anos», xa que tal e como apuntan «son incapaces de facer unha xestión correcta e acomodarse aos tempos marcados, a pesar de ter ao seu favor o resto de institucións».

A obra de reforma e ampliación do pavillón do Consello tiña un prazo de execución de seis meses, pero tal e como subliñan dende o PSOE de Ribadavia «a día de hoxe non hai ningunha empresa que a execute e a única que se presentou, non cumpriu co prego de condicións dos prazos establecidos». Unha situación que en palabras das e dos socialistas «xéranos importantes desconfianzas», xa que tal e como explican «é posible que a propia empresa vexa inviable executar a obra nese prazo, xa que tería que estar rematada en novembro e segundo anunciou o goberno local, non hai prazo de prórroga».

As e os socialistas destacan que «calquera entende que nos meses de verán é moi difícil traballar para as empresas construtoras, polo peche doutras empresas que serven materiais». Asemade indican que «no mellor dos casos a obra podería estar executándose en agosto, polo que sería imposible que estivese rematada para o mes de novembro e a realidade é que a día de hoxe non hai nin adxudicatario».

Dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia lembran que «levamos meses alertando de que este expediente é un auténtico despropósito de principio a fin, cuns prazos de execución imposibles de cumprir». As e os socialistas consideran de «extrema gravidade», que o alcalde deixe fora da mesa de adxudicación a intervención municipal, cando «é fundamental para todo o que con leva a obra, xa que hai que solicitar unha operación de tesourería». Unha circunstancia que «non se entende e que amosa que non hai unha xestión rigorosa por parte do equipo de goberno».

«A semana pasada ante a denuncia do PSOE a unha obra na que se perdeu a subvención, o alcalde contestou con prepotencia e falando e dando por feito que a obra do pavillón xa estaba en marcha, cando está sen adxudicar», sinalan dende o grupo municipal socialista.

Por último, dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia fan fincapé en que «estamos dispostos a dar ideas e aportar, sempre e cando non se opte pola chapuza que se está levando a cabo nesta obra do pavillón». Neste senso, as e os socialistas pídenlle ao goberno local que «se retome a obra o vindeiro ano, se comece o expediente dende o principio e que o alcalde recoñeza humildemente que se equivocou nos prazos de execución». Consideran que de non iniciarse novamente o expediente «o concello vai ter problemas moi graves dende o punto de vista financeiro e legal».

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad