
O PSdeG-PSOE de Beade denuncia o «gran descontento» xerado na organización da III edición de «O Viño, un compañeiro de vida». Un evento impulsado polo concello e que as e os socialistas consideran que «foi máis unha festa para o alcalde, familiares, e cargos do Partido Popular, que para potenciar os viños e as adegas do municipio».
Dende o grupo municipal socialista critican que «non se contara cos adegueiros para a organización do evento e non se atendese as súas demandas», xa que tal e como apuntan «os adegueiros non estaban conformes coa data escollida, en plena ponte do 25 de xullo, nin co cartel, no que apenas se lía o nome das adegas participantes». As e os socialistas apuntan a que o alcalde «debe escoitar aos representantes das adegas e non ir por libre a hora de organizar un evento que debe servir de promoción e difusión da riqueza vitivinícola do municipio».
A voceira do PSdeG-PSOE en Beade, Carmen Rama Cotelo, explica que dende a alcaldía «levan 3 anos organizando este evento, que na súa primeira edición fíxose de forma máis rudimentaria, pero que nas últimas dúas edicións xa contou con casetas». A edil socialista critica que o acto, que está organizado con cartos públicos, «está enfocado para que o alcalde, os seus familiares e cargos do Partido Popular desfruten dun día de festa e aproveitar para facer marketing en favor dun rexedor que non conta con maioría absoluta».
Rama Cotelo considera que un evento destas características «debería ser organizado polos adegueiros para que non se politizase, xa que é unha festa de promoción do viño e non un acto do Partido Popular». A voceira socialista tamén pon de manifesto que trala III edición «o viño, un compañeiro de vida» «quedou de manifesto que ao alcalde non lle importan os adegueiros, nin os viños de Beade, xa que se negou a escoitar as súas reclamacións e decidiu facer o que lle deu a gana».
As e os socialistas de Beade tamén poñen o foco no prezo das copas que cada participante collía para poder degustar os viños e que custaban 3 euros, algo que tildan como «excesivo». Asemade tamén critican que durante a degustación de pinchos da marca Galicia Calidade, «este logotipo oficial non figurase correctamente no stand, máis aló dun folio no que se lía «Galiza Calidade», algo que non nos parece de recibo».
Con respecto aos carteis, dende o PSdeG-PSOE de Beade piden que para o vindeiro ano se celebre un concurso aberto a toda a xente que desexe participar e que sexan os propios adegueiros o que escollan o propio cartel da festa, para que non haxa problemas posteriormente. Por último, as e os socialistas subliñan que «estamos a carón dos adegueiros e avogamos porque eles se encarguen da realización da feira, contando cos apoios institucionais que sexan necesarios, para que este evento non siga sendo unha festa do alcalde e os seus secuaces do PP».